Monforte convoca o certame de teatro para centros de ensino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A Delegación de Cultura, Educación e Normalización Lingüistica do Concello de Monforte de Lemos convoca o XXIII Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte de Lemos, que se rexirá polas seguintes bases:

Primeira.- A Delegación de Cultura, Educación e Normalización Lingüística do Concello de Monforte de Lemos convoca o 22º Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte, que se realizará dentro do programa de actividades da Delegación, entre o 24 de abril e o 20 de maio de 2014.

Segunda.- Poderán participar tódolos centros de ensino de Monforte de Lemos representando unha soa obra de teatro, así mesmo tamén poderán participar como invitados outras asociacións ou colectivos locais despois da correspondente petición e da aceptación por parte da Delegación Municipal de Cultura.

Terceira.- As presentes bases serán efectivas a partir do día en que aparezan no taboleiro de anuncios do concello e na páxina web municipal (www.monfortedelemos.es).

As solicitudes de inscrición para a participación no certame presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte a partir do día en que estas bases sexan efectivas. O derradeiro día para realizar a inscrición será o mércores 12 de marzo.

Cuarta.- Logo do 12 de marzo os centros participantes enviarán ao Concello de Monforte a documentación da obra.

Documentación a presentar: Título, autor, reparto, nome do director, sinopse e duración da obra.

Quinta.- As representacións das obras de teatro terán lugar no salón de actos da Casa da Cultura ás 20:00 h. Tódolos participantes no Certame pertencerán obrigatoriamente ó centro ó que representan. As datas da posta en escena das obras serán determinadas pola Delegación Municipal de Cultura e os centros de ensino nunha reunión que se celebrará o mércores 12 de marzo no Concello de Monforte de Lemos, ás 16:00 h.

Sexta.- Os premios consisten nun diploma e unha placa para cada un dos centros participantes.

Sétima.- As obras que representen os centros de ensino e outras asociacións ou colectivos participantes terán unha duración mínima de media hora e deberán ser estreadas no certame.

Oitava.- A entrega de premios será no Salón de Actos da Casa da Cultura o 20 de maio ás 21:00 h.

Novena.- A participación neste Certame implica a total aceptación das presentes bases e a súa interpretación corresponde exclusivamente á Comisión Organizadora.

5 de febreiro de 2014 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.