Monforte abre o prazo para anotarse nos cursos gratuítos do CELGA
O concello de Monforte de Lemos abre o prazo de preinscrición para solicitar a participación en cursos gratuítos de lingua galega preparatorios para as probas dos certificados CELGA 1, 2, 3 e 4.
Estes cursos son voluntarios e gratuítos. As persoas interesadas en participar neles poden recibir máis información e realizar a preinscrición dos seguintes modos:
-Presencialmente, na Casa do Concello de Monforte de Lemos (Campo de Santo Antonio, s/n) no primeiro andar (Mesa de Información).
-Telefonicamente, chamando aos teléfonos 982402501 (mañás de luns a venres) ou 698181696 (de luns a venres).
-Mediante correo electrónico, ao enderezo xmartinez@concellodemonforte.com
Deberán indicar no momento de realizar a preinscrición os seguintes datos: apelidos e nome, número do DNI ou do pasaporte, teléfono ou teléfonos de contacto e correo electrónico se o posúen.
O prazo para a preinscrición remata o 23 de febreiro.
A realización dos cursos está condicionada á concesión da organización e homologación pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Os títulos CELGA son esixidos para acreditar o coñecemento do idioma galego en diferentes niveis e teñen como utilidade, entre outras, o acceso a certa formación pública subvencionada ou proporcionar puntuación en oposicións convocadas en Galicia.
O Concello anima ós veciños e ás veciñas a anotarse, xa que é preciso acadar un número mínimo de alumnos/as para poder celebrar os cursos na localidade.











