Modificacións no tráfico das rúas compostelás por mor do Antroido
O Departamento de Tráfico e Seguridade Cidadá do Concello de Santiago de Compostela informa que, con motivo da celebración do desfile do ANTROIDO o vindeiro martes, 4 de marzo, queda prohibido o estacionamento de vehículos nas rúas polas que se desenvolverá o devandito desfile entre as 14.00 horas e o remate.
Así mesmo, produciranse cortes intermitentes de tráfico nas mesmas rúas, polo que se recomenda evitar na medida do posible circular pola zona do Ensanche na tarde deste martes de Antroido e seguir as indicacións da Policía Local e dos paneis informativos de tráfico.
A concentración das carrozas comezará a partir das 15.00 horas na Estación de Ferrocarril. Unha vez efectuada a descarga os vehículos desprazaranse á rúa Marqués de Sargadelos onde terán espazo reservado.
O desfile comezará as 17:30 horas e continuará polas seguintes rúas: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Praza de Galicia e Senra, para rematar na Avenida de Xoán Carlos I. Neste último punto as comparsas xirarán cara á Alameda e as carrozas continuarán cara á rúa Rosalía de Castro e avenida da Coruña ata a rúa Marqués de Sargadelos (zona próxima ao estanque).
Recoméndase aos conductores que se despracen en dirección Norte-Sur que eviten o centro da cidade, circulando pola avenida de Lugo (SC-20) e interior do túnel do Hórreo.











