Miranda visita o centro galego de Burgos, e anuncia a intención de participar no XX aniversario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Miranda no Centro Galego de Burgos

Miranda no Centro Galego de Burgos

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, coñeceu esta fin de semana as sedes -e falou coas directivas e asociados- dos dous centros galegos na provincia de Burgos: o de Miranda de Ebro, e o da capital provincial.

En Miranda de Ebro, o alto cargo da Xunta estableceu contacto coa diáspora asentada nese enclave do norte burgalés, cuxo centro social de referencia atravesa arestora momentos de dificultade económica, que pretenden superar mercé á ampliación da súa oferta cultural e lúdica e, por tanto, da súa base asociativa.

O Centro Galego da localidade, presidido por José Vicente Alfonso Tojeiro, está localizado nunha das zonas máis modernas da cidade. En palabras de Rodríguez Miranda, “a súa directiva ten demostrado un alto grao de compromiso nesta nova etapa, e contará co apoio da Secretaría Xeral da Emigración en todo aquilo que sexa factible, para acadar este obxectivo” de manter viva a chama da Galeguidade no norte da provincia.

O secretario xeral da Emigración animou á directiva no seu traballo para acadar o éxito nas iniciativas de relanzamento da entidade, e nese sentido agradeceu o esforzo que supón ese reto: “Cómpre agradecer o esforzo que van desenvolver, que supón todo un expoñente do seu compromiso coa Galeguidade. Van ter o noso total apoio para que no seu esforzo se sintan sempre acompañados”.

Na capital provincial

O responsable do departamento de Emigración da Xunta cursou despois visita ao Centro Galego de Burgos, que dirixe Ángel Ferreiro Sarmiento, cuxas magníficas instalacións –situadas xusto ao carón do popular Museo da Evolución Humana- foron remodeladas hai dous anos, e que funciona cun alto rendemento. Precisamente, a visita de Rodríguez Miranda coincidiu cun ensaio dun dos grupos musicais que desenvolven a súa actividade na sede da entidade, que conta con 400 socios e socias.

Ademais da parte cultural e folclórica, o Centro atesoura unha importante actividade no campo social e lúdico, o que lle confire unha vitalidade propia das entidades máis dinámicas da Galeguidade. O vindeiro ano, celebrará o seu vixésimo aniversario, para cuxas actividades contará co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, e coa presenza do seu titular. “Será unha honra –asegurou Rodríguez Miranda- poder compartir eses momentos de ledicia con tódalas galegas e tódolos galegos de Burgos”.

6 de febreiro de 2014 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.