Migallas Teatro ofrece en Cedeira a comedia “O cantante e as mulleres”
A compañía pontevedresa Migallas Teatro trae este sábado a Cedeira a súa comedia “O cantante e as mulleres”. A función dará comezo ás oito do serán no Auditorio Municipal, con entradas ao prezo único de 2,5 euros. A obra está dirixida por María Campos e Carlos Yus, á súa vez tamén guionistas e intérpretes da mesma.
As cancións compostas polos membros do grupo alternan coas interpretacións teatrais, nas que se tratan en clave de humor temas moi próximos aos espectadores como o machismo, os comportamentos sociais, o consumismo, os prexuízos sobre a lingua galega, o fanatismo no deporte, a influencia da TV, o clasismo, ou a moda e a publicidade. Entre as personaxes humorísticas atópase a popular Sra. De Palmírez do programa Luar da TVG.











