María Pardo considera que aceptar regalos entra “na moralidade de cada un”
A voceiro do Goberno municipal de Santiago e concelleira popular, María Pardo, considera que a aceptación de regalos procedentes de empresas ou particulares entra dentro da “moralidade de cada un”, aínda que matiza que “a súa decisión persoal” é “non aceptar” este tipo de presentes.
“Cada cual alá co que faga. Eu creo que o mellor é non se meter en leas e non aceptar ese tipo de regalos. É a miña decisión persoal. E a mi se algún compañeiro me pregunta, diríalle isto”, sinalou María Pardo preguntada polas informacións que apuntan á aceptación de regalos por parte de membros do grupo municipal, no marco da ‘Operación Pokémon’.
Neste sentido, negou recibir nada “deste grupo” pero si a súa compañeira Cecilia Sierra, que “devolveu un bolso”. Tamén aclarou que deu orde no seu domicilio para “devolver” calquera regalo que lle envíen. “A mi enviáronme algunha cousa á miña casa, recoñézoo, e devolvino”, aclarou.
Do mesmo modo, recoñeceu que o envío de presentes por parte de empresas a políticos “foi unha práctica habitual que está a desaparecer”, e que sucede “sobre todo en Nadal”.
Tampouco aclarou se considera reprochable a aceptación de regalos por parte de empresas, e atribuíuno á elección “de cada un”, engadindo que “cada un ten que facer o que considere que é máis moral”.
“Estamos a falar de legalidade ou de moralidade? Pois eu considero que hai que devolvelos”, reiterou, insistindo en que se trata da súa opinión como “María Pardo” e non como “voceira do Goberno”.
“Aquí hai que diferenciar entre o que é a legalidade e a moralidade. A legalidade hai que cumprila exactamente e da moralidade terá que ser responsable cada un dos seus actos. En canto aos regalos en si, bo, pois un saberá se os recibe e porqué os recibe e qué consecuencias ten recibilo”, sinalou posteriormente, exemplificando con que “ao señor Camps lle deu moitos problemas”.
CÓDIGO ÉTICO
Preguntada pola proposta do concelleiro socialista Francisco Reyes sobre o impulso dun código ético para este tipo de cuestións, Pardo sinalou que sempre é “partidaria de falar as cousas e ver se é conveniente ou non”, aínda que non le “consta” unha proposta en firme sobre iso.
Por outro lado, considera que se as persoas “teñen unha vontade, un código ético xa en si mesmas, non fai falta que ninguén lles diga o que teñen que facer”. “Hai algo que é a moralidade de cada un e despois está a Lei. Se a lei cre que aquí houbo suborno impropio, etc, etc, pois xa terá que actuar”.
Finalmente, asegurou ter unha relación “fantástica” con todos os compañeiros do grupo de Goberno local, que continúan traballando, e recordou que a Xunta de Goberno continúa reuníndose e que alí se atopaban “todos membros”.











