Maior transparencia e implicación dos cidadáns nas políticas comunitarias son as apostas galegas en Bruxelas

Intervención de Jesús Gamallo
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións celebrada hoxe en Bruxelas, onde interveu no debate sobre o proxecto de Carta da Gobernanza Multinivel en Europa, que deriva dun Libro Branco promovido polo Comité no ano 2009.
O documento, pendente aínda de discusión por parte da Mesa do CdR, ten prevista a súa aprobación durante o 106º Pleno do Comité das Rexións, que terá lugar durante o 2 e 3 de abril. Unha vez adoptado funcionará como un instrumento político que consagrará o compromiso dos poderes públicos coa aplicación dos valores e mecanismos da gobernanza multinivel.
Este compromiso é de vital importancia para o CdR como representante das administracións máis próximas ao cidadán, xa que o texto promove a responsabilidade compartida entre os distintos niveis de poder territorial, e basea o seu funcionamento na acción coordinada dos mesmos. Ademais, apóstase por unha maior participación dos axentes políticos e económicos, da sociedade civil e dos cidadáns no proceso europeo de toma de decisións. “Á marxe de tecnicismos, a Carta da Gobernanza Multinivel significa achegar Europa aos cidadáns, nun momento complicado onde se observa unha importante desafección da xente cara a construción europea”, puntualizou Jesús Gamallo.
Logo da súa aprobación en abril agárdase facer unha presentación pública o 9 de maio, con ocasión do día de Europa, orientada a promover e dar a coñecer a carta, que servirá como ferramenta para combater o desencanto cidadán e chamar á participación. É por isto que “é fundamental tela aprobada e poder explicala antes das eleccións ao Parlamento Europeo do vindeiro mes de maio”, sinalou o director xeral.
Durante a reunión CIVEX tamén se aprobou un proxecto de ditame sobre a Estratexia de ampliación e retos principais 2013-2014 onde se confirma a vixencia dos criterios de Copenhagen, aqueles que deben cumprir os países candidatos para incorporarse á Unión, e se debateu sobre o futuro da política da UE en xustiza e asuntos de interior.
Competencias da Comisión CIVEX
A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Ten competencia en múltiples eidos como a política de inmigración e asilo, a cidadanía activa ou a cooperación descentralizada para o desenvolvemento. Galicia forma parte desta comisión e tamén da Comisión de Cohesión Territorial desta asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea.











