Luis Iglesia e Xabier Deive representarán “Sede de Mal” no Auditorio de Cedeira
Tralo seu éxito na serie Matalobos e logo de xirar con Gaivotas Subterráneas, Luis Iglesia B. e Xabier Deive dan renda solta ao seu lado máis salvaxe e divertido a través da obra “Sede de Mal”. Unha comedia que presentarán ao público cedeirés este sábado, 22 de febreiro, no Auditorio Municipal, a partires das 20 horas e con entradas ao prezo de 2,5 euros. Trátase dunha producción co selo de calidade de Boneca Lareta que chega da man de Culturactiva, unha comedia a doce cordas sobre o lado escuro da vida. Humor, teatro, música en directo con blues e rock and roll con dous dos personaxes máis importantes da escea galega dos últimos anos.
Ao día seguinte, domingo 23 de febreiro, no mesmo escenario e ás seis da tarde, a asociación local Buxainas invita á veciñanza a disfrutar do seu Festival “Aires de la Habana”. Baile e música tradicional cunha boa dosis de teatro e técnicas audiovisuais. Nesta ocasión, Buxainas ofrecerá un festival cunha fórmula moi novidosa xa que combinará as actuacións de baile e música galega coa proxección dunha curtametraxe sobre a emigración de mediados do século pasado. Unha curtametraxe que narra a historia de dous rapaces e do seu reencontro anos despois de que un deles se vise obrigado a iniciar unha nova vida a milleiros de quilómetros. Un traballo laborioso que contou coa colaboración de moita xente do pobo, tal e como sinalan dende a asociación. Unha proposta que ninguén se debe perder.











