Luis Fernández Vilela convértese, por unanimidade, en Comendador do Cocido en representación de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+

O acordo foi adoptado por Alejandro Campos, presidente de AED; Diego López, de La Molinera; Álex Cabanas, de Restaurante Cabanas; Luis Guerreiro, de Las Palmeras; Conchi Peiteado, de Restaurante Agarimo; Pablo Fernández, arquitecto; o cociñeiro Marco Varela; Currás; Xan da “Lareira”; Xoán Carlos García Porral, Javier Ferreiro, de Fórum Urbano; Antonio Lamas e Abel Vila, integrantes da directiva da AED no transcurso dunha reunión de traballo que o alcalde e o concelleiro de Turismo mantiveron con eles na tarde de onte e na que se lles propuxo “a posta en marcha dun equipo multidisciplinar e amplo contando coa vosa implicación para participar cada un desde os diferentes ámbitos na organización e desenvolvemento da Feira do Cocido” // “Trátase de que o Cocido despois de 46 anos teña vida propia polo que representa para Lalín”, dixo Crespo que pediu “máis implicación” aos participantes a quen os citou a unha segunda reunión nada máis pasada a XLVI Feira para comezar a traballar na seguinte edición

O alcalde de Lalín, José Crespo, xunto co concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, mantivo á tardiña de onte unha reunión de traballo con representantes da AED, do comercio, da hostalería, da restauración e do mundo da cultura lalinense para propoñerlles, nada máis pasada a XLVI Feira do Cocido, poñer en marcha “unha estrutura para tirar do Cocido e de todo o que conleva a Feira ao seu redor”. “Trátase de artellar un organismo para traballar polo Cocido coa vosa implicación, e no que o Concello simplemente tutelase o proceso”, remarca.

Concretamente na dita xuntanza que durou sobre dúas horas tomaron parte: Alejandro Campos, presidente de AED; Pablo Fernández, arquitecto; o cociñeiro Marco Varela; Xoán Carlos García Porral, Javier Ferreiro, de Fórum Urbano; e Antonio Lamas e Abel Vila, integrantes da directiva da AED; Currás; Diego López, de La Molinera; e unha representación de restauradores de Lalín que participan no Mes do Cocido entre os que se atopan Álex Cabanas, de Restaurante Cabanas; Luis Guerreiro, de Las Palmeras; Conchi Peiteado, de Restaurante Agarimo e Xan da “Lareira”.

Crespo explicoulles aos asistentes ao encontro que “o de hoxe é unha primeira xuntanza á que han de seguir outras e nas que se pretende que os sectores directamente vencellados á Feira (hostalería, restauración, AED…) botedes unha man para a  organización do Cocido pois é moito o traballo que desde o Concello se fai e ademais é importante achegar novas ideas e savia nova; isto é, trátase de activar un grupo de traballo con peso específico para funcionar por si só e que o grupo de goberno estea só tutelando”. Neste sentido fíxolles ver que “sodes os que mellor o podedes facer, pois o estades vivindo”.

O rexedor indicoulles ao respecto que “estamos traballando para que en 2016 ou 2017 a Feira do Cocido puidese ser a primeira Festa de Interese Turístico Internacional de España (aclaroulles que nestes intres só hai 4 de Interese Turístico Nacional entre as que se atopa a de Lalín), co que se gañaría en peso tanto á hora de pedir subvencións e no de difusión mediática, entre outros aspectos relevantes”.

“A partir desta edición, dentro de menos de quince días, pídovos unha implicación maior, non cartos, pero si traballo para a organización e desenvolvemento da Feira a través da posta en marcha dunha comisión que axude á Feira do Cocido e que o Concello a tutelaría; ademais deste xeito,  veña o grupo de goberno que veña, o Cocido estea garantido”, precisou. “Este encontro foi o pistoletazo de saída e teremos unha segunda xuntanza na primeira semana despois da Feira para articular a participación dos distintos ámbitos na organización e na mellora da Feira e para preparar xa a seguinte edición”, afirmou.

“Necesitamos -sostivo- un equipo amplo e multidisciplinar e logo que cada un se ocupe dunha parcela, que funcione por si só e que o Concello tutele”. “Pretendo que o Cocido despois de 46 anos teña vida propia polo que representa para Lalín”, fixo fincapé.

ELECCIÓN DUN COMENDADOR DE LALÍN

Neste primeiro encontro con representantes dos empresarios, da cultura, do comercio, da hostalería e da restauración Crespo tamén expuxo aos participantes a idea de facer “unha primeira rolda para que propoñades varios candidatos, con total liberdade, que reúnan méritos para ser Comendador de Lalín”.

Os asistentes aceptaron con receptividade a proposta e logo de poñer enriba da mesa unha terna inicial de nomes acordaron por unanimidade elixir como Comendador do Cocido en representación do pobo lalinense a Luis Fernández Vilela polo seu labor meritorio en pro dos intereses do pobo de Lalín como máximo responsable da empresa Coreti dedicada á etiquetaxe industrial -que puxo en marcha en 1991 e que é unha das máis innovadoras no seu sector- e patrocinadora do Clube Rugbi Lalín, Clube do que é ademais presidente desde setembro do ano pasado.

É de destacar que Vilela leva xa varios anos moi vinculado a Lalín xa que ademais de presidir o dito Club e de prestar o patrocinio a través da súa empresa con matriz principal no polígono de Bergondo (A Coruña) deslocalizou unha sede para Lalín onde no Polígono Lalín 2000 funciona Comerquet S.L., tamén dedicada á etiquetaxe industrial, a serigrafía e a impresión offset, na que traballan cinco persoas, de Lalín, destacado mérito valorado polos participantes para ser elixido Comendador, ademais de que na coruñesa Coreti deu traballo a diversas persoas de Lalín.

Fernández Vilela é tamén un gran colaborador co deporte lalinense (ademais do Clube Rugbi Lalín tamén colabora coa Escola de Balonmán) e destaca pola súa contribución a causas solidarias como á doazón de alimentos a diferentes asociacións para axudar a familias lalinenses necesitadas. Proba da súa aceptación, é de salientar ademais que o seu nome xa quedara entre os finalistas a Lalinenses do Ano 2013.

Luis Fernández Vilela será nomeado Comendador, xurando a Encomenda e vestindo a Capa do Cocido o domingo 23 de febreiro no transcurso do Capítulo Xeral da Encomenda no que nesta edición están confirmados o escritor e divulgador científico Eduardo Punset, que será o pregoeiro; Enrique Cerezo, presidente do Atlético de Madrid; Millán Mon, eurodeputado e Nava Castro, directora da Axencia de Turismo de Galicia.

12 de febreiro de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.