Luís Fernández, do Club Penedo, clasifícase para o Mundial de Slalom

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Luis Fernández

Luis Fernández

Luís Fernández, do Club Penedo, logrou o seu obxectivo de clasificarse para o Mundial de Slalom que se disputará entre o 24 e o 27 de abril na localidade australiana de Penrith. O padeeiro de Salceda de Caselas cumpriu o seu desafío tras o catro probas de clasificación que se celebraron na Seo de Urgell e Orthez (Francia).

Tres primeiros postos e un segundo valéronlle a Luís Fernández para conseguir a súa praza na modalidade de C-1 júnior. O padeeiro galego recoñeceu que me custou moito adaptarme á pista francesa e resultoume máis fácil en casa”. O deportista leva desde o mes de setembro concentrado no Centro de Alto Rendemento da Seo Urgell baixo a dirección de Toni Cadea. Durante dúas tempadas estivo no Centro de Técnificación Deportiva de Pontevedra baixo as ordes de Iván Silva. Foi campión de España da categoría cadete o ano pasado e cumpre a súa primeira tempada na categoría xuvenil.

Luís Fernández dedícase ao piragüismo desde os doce anos e din os adestradores que a súa progresión é “espectacular”. No catro probas que disputou demostrou atoparse nun bo momento de forma. Recoñeceu que “tiña moita confianza. En Francia fixen un primeiro e segundo posto, pero atopeime ben. Para que saian ben as cousas tamén hai que coñecer os segredos do río”.

O padeeiro de Salceda de Caselas logrou ademais recuperar un posto para os galegos no equipo nacional na modalidade de slalom. Antes estiveron Mario Fontán e Antía Loira.

Luís Fernández, que se adestra seis días á semana durante polo menos unha hora e media, resalta que todos nos levamos unha gran alegría. Tamén o Penedo, o meu club, que sempre me apoiou e fai un gran traballo polo piragüismo”.

Sobre o Mundial, explicou que “será unha competición difícil, dura e complicada. Moi esixente. Pero non renuncio a nada. Hai que traballar duro para poder chegar no mellor momento de forma posible”. Iso si, espera poder asistir á cita máis importante da tempada. Desvelou que “necesitaría axuda para os gastos de viaxe, que é moi longo. Gustaríame atopar un patrocinador e que un dos meus soños fixésese realidade”.

26 de febreiro de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.