Lousame conmemorará o Día da Muller cunha charla de Aurora Marco sobre a vida das mulleres na guerra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O Concello de Lousame conmemorará o Día da Muller cun acto sobre a vida das mulleres do municipio durante a Guerra Civil e a posguerra, que incluirá unha conferencia da catedrática Aurora Marco e a proxección de dous vídeos. O acto terá lugar o venres 7 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame. A asistencia é libre e de balde.

A homenaxe comezará cunha charla de Aurora Marco, catedrática de Didáctica da Linguaxe e da Literatura pola Universidade de Santiago de Compostela, que levará por título: “A situación das mulleres durante a guerra e a posguerra”. Esta charla terá como base o libro “Mulleres na guerrilla antifranquista galega”, no que a escritora noiesa rende homenaxe ás guerrilleiras que loitaron contra o franquismo a través das historias dunhas 200 mulleres.

Proxeccións

Posteriormente, proxectarase un estrato do documental “Silenciadas”, dirixido por Pablo Ces e da que é guionista a propia Aurora Marco. Un documental baseado en seis historias do libro “Mulleres na guerrilla antifranquista galega” e que foi galardoado co Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental de 2011 pola Academia Galega do Audiovisual; así como co premio “Memória i Justícia Universal” no III Festival Internacional de Cine de Dereitos Humanos de Santa Coloma de Gramanet, entre outras distincións.

Pecharán o acto as veciñas de Lousame integrantes dos Obradoiros de Memoria, que durante estas últimas semanas gravaron un vídeo, titulado “Eu lembro…”, no que recollen as súas vivencias e experiencias durante a época da Guerra Civil e da Posguerra no municipio. Un traballo elaborado durante as clases dos Obradoiros da Memoria organizados polo Concello de Lousame e que se atopa nestes momentos en fase de montaxe para a súa proxección o venres 7 de marzo.

27 de febreiro de 2014 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.