publicidade hoxe

Lete Lasa destaca a figura de Marcelino Martínez Cao no acto de entrega do premio Marca Leyenda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresDeportesDeportes Portada
A-
A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou hoxe a autenticidade do emblemático futbolista galego dos anos 60 Marcelino Martínez Cao, autor do gol que deu a primeira Eurocopa á selección espoñola na final xogada contra a Unión Soviética, no estadio Santiago Bernabeu, en 1964.

Durante a entrega do premio Marca Leyenda ao futbolista, o secretario xeral para o Deporte incidiu na seriedade e autenticidade como dous dos valores máis características do deportista galego, “o que unido ao seu enorme talento e capacidade, convertérono merecidamente nunha verdadeira lenda”, protagonista de momentos inesquecibles do fútbol español, e “nunha persoa querida, respectada e admirada por todos”.

Nacido en Ares, en 1940, e coñecido no mundo do fútbol como Marcelino, o ex xogador destacou como dianteiro no Real Zaragoza, onde permaneceu once temporadas en Primeira División e anotou 117 goles, que segue a ser o récord de máximo realizador na historia do equipo, ao que permaneceu fiel aínda que tivera ocasión de fichar por clubs italianos.

Marcelino Martínez Cao formou parte da recoñecida dianteira da época, “os 5 magníficos”, xunto con Canario, Santos, Villa e Lapetra. Aos 21 anos debutou coa selección española, coa que foi 14 veces internacional e, ademais da Eurocopa de 1964 acadou dúas Copas de España -1964 e 1966- e unha Copa de Feiras, en 1964.

No transcurso do acto, o deportista galego recibiu tamén de mans do secretario xeral para o Deporte a medalla e o diploma acreditativos da Distinción ao Mérito Deportivo que a Xunta lle concedera en 2012, pero que o futbolista non puidera recoller persoalmente naquela ocasión. Lete Lasa subliñou que “a este recoñecemento se suma todo o goberno galego co seu presidente á cabeza, e toda Galicia”, engadindo que, a diferenza doutras lendas, Marcelino é “real e verdadeiro, unha personalidade histórica do noso deporte froito da seriedade aplicada a xogar ben, a gozar do xogo e, só despois, a gañar”.

No acto, celebrado no Club Náutico Ría de Ares, participaron tamén o alcalde do municipio, Julio Iglesias, e coñecidos xornalistas deportivos como Oscar Campillo, Francisco García Caridad e José María García.

11 de febreiro de 2014 | 14:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.