Lete Lasa avoga polo desenvolvemento de iniciativas deportivas que fortalezan a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, manifestou hoxe o apoio da Xunta ás iniciativas deportivas orientadas a impulsar e fortalecer a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e avogou por avanzar neste camiño, tendo en conta “a capacidade do deporte como factor de cohesión social e territorial, de saúde e de calidade de vida, así como o seu efecto dinamizador das economías locais”.
Lete Lasa participou na presentación do Programa Deportivo Eurocidade Tui-Valença 2014, que tivo lugar na Pousada de San Teotonio, en Valença do Minho. Na súa intervención, o secretario xeral felicitou aos organizadores institucionais, aos clubs, ás federacións e a todas as entidades colaboradoras polo amplo calendario de actividades tanto competitivas como non competitivas deseñadas para os vindeiros meses e nas que está previsto que participen ao redor de 4.500 persoas de España e Portugal. En total, desde marzo ata decembro celebraranse a ambos lados do río Miño trece eventos doutras tantas modalidades deportivas.
Así mesmo, incidiu entre a sintonía da Xunta de Galicia e do goberno de Portugal en canto á importancia do deporte no eido social e económico, o que permitiu asinar o pasado ano un acordo de colaboración transfronteiriza no que se enmarcan os traballos en marcha para compartir experiencias e levar a cabo proxectos conxuntos tanto en materia de deporte como de fomento do exercicio físico e hábitos saudables, tendo sempre como obxectivo final a mellora da calidade de vida e dos niveis de benestar de galegos e portugueses.
O pasado ano, a Eurocidade Tui-Valença organizou nove certames deportivos, que abrangueron prácticas tan variadas como andainas-trilhos, carreiras populares, ciclismo, cuadriatlón, natación, balonmán, fútbol sala, fútbol 7 e kung fu, e nos que participaron preto de 4.000 persoas. Así mesmo, celebrouse a iniciativa ‘Xuño Activo’, destinada a promover o exercicio físico como fonte de saúde, co apoio do Plan Galicia Saudable que promove a Secretaría Xeral para o Deporte Deporte e da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea a través do programa de fondos europeos POPTEC. A actividade axudou a coñecer mellor a condición física da poboación da Eurocidade e as súas preferencias á hora de practicar exercicio físico, así como a promover hábitos de vida activa entre os participantes.
Despois do éxito do pasado ano, a programación de 2014 inclúe novas edicións de todas as probas de 2013, ao tempo que se reforza con novos eventos e modalidades deportivas como o triatlón, o tenis, o baile deportivo e o automobilismo.
Ademais do secretario xeral para o Deporte, na presentación do novo calendario deportivo participaron o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Salgueiro, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, el vereador de Desporto de Valença, José Monte, o concelleiro de Deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, e representantes do Instituto Portugués do Desporto.











