Lete Lasa agradece ao ex atleta Carlos Pérez a súa contribución ao deporte galego
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, agradeceulle ao ex atleta olímpico vigués Carlos Pérez Alonso a súa contribución ao deporte galego, tanto desde o ámbito da competición como na súa etapa de adestrador, profesor de educación física e fundador e presidente da Asociación de Deportistas Galegos Olímpicos.
No acto de homenaxe celebrado hoxe no Balneario de Mondariz coa presenza de numerosas personalidades do deporte galego e español, Lete Lasa trasladou a admiración e o recoñecemento da Xunta ao lendario atleta que entre 1952 e 1972 foi corenta e seis veces internacional absoluto, quince veces campión de España en categoría absoluta en diferentes probas, especialmente en maratón, 10.000 metros lisos e gran fondo, ademais de representar o noso país en tres Xogos Olímpicos, tres Campionatos de Europa, dous Xogos do Meditarréneo, dous Xogos Iberoamericanos e dez Cross das Nacións. Carlos Pérez mantén vixentes os récords de España de 25.000 e 30.000 metros lisos.
O secretario xeral destacou a brillante carreira do vigués, na que sempre estiveron presentes “o seu tesón, a súa sinxeleza e a magnanimidade, nuns anos de cambio político e social en España, onde as cousas non eran precisamente fáciles para os deportistas profesionais”.
Así mesmo, subliñou a súa non menos frutífera faceta como adestrador e profesor de educación física, coa que axudou a achegar novos valores ao atletismo de Vigo, como o catrocentista Jorge Castro, actualmente adestrador céltico, ou Alejandro Miguel, campión de España absoluto de 800 metros lisos en 1997.
“Sempre estiveches moi agradecido aos adestradores e directivos que te axudaron a acadar as metas logradas. Agora, outros te miran a ti co mesmo agradecemento”, engadiu o secretario xeral, quen agradeceu ao ex atleta a súa permanente actitude “por ensinar e contaxiar os valores do deporte aí onde esteas”.











