Javier Aguilera expón na CEO as axudas do Igape para facilitar o investimento empresarial

Javier Aguilera na CEO
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe o esforzo da Consellería de Economía e Industria para que as empresas galegas, especialmente as pemes, dispoñan de instrumentos para desenvolver os seus investimentos e xerar emprego. Trátase de axudas destinadas a promover novos proxectos de empresas e emprendedores en Galicia e iniciativas orientadas á mellora da competitividade e á internacionalización das pemes. Pola súa banda, o presidente da Confederación Empresarial destacou que as axudas presentadas na tarde de hoxe ‘teñen unha gran importancia porque tocan ámbitos fundamentais que hoxe en día debemos reforzar e atender máis que nunca xa que, en gran medida, deles vai depender tanto a saída desta crise, como facelo dunha maneira reforzada: os emprendedores, a competitividade e a internacionalización’.
No transcurso da xornada técnica de ‘Instrumentos do Igape de apoio ás pemes galegas’ organizada na CEO, Aguilera destacou os programas Galicia Inviste, para apoiar grandes investimentos, con orzamentos a partir de 200.000 euros, e Galicia Emprende, para proxectos de emprendedores ou novas empresas, con orzamentos a partir de 35.000 euros. En ambos os casos, as subvencións a fondo perdido poderán cubrir até o 50% dos investimentos aprobados. Só a través destes dous programas, Economía e Industria prevé a mobilización de investimentos por máis de 50 millóns de euros.
O director xeral do Igape referiuse tamén ao novo fondo de capital risco que cofinanciará proxectos emprendedores, e engadiu que a estes programas sumaránselles, en datas próximas, os programas financeiros que prevé impulsar o instituto para procurar, conxuntamente cos programas habilitados a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por falta do financiamento adecuado.
Entre os programas de apoio xa activados polo Igape están tamén o deseñado para apoiar os investimentos tecnolóxicos no sector servizos, que permitirá a mellora competitiva das pemes beneficiarias; e a liña de promoción de iniciativas de difusión, que facilita a participación das pemes en eventos organizados por organismos intermedios para promover a competitividade, o emprendimiento ou a internacionalización das empresas.
Javier Aguilera apuntou igualmente que a Xunta segue concedendo especial importancia a internacionalización. Neste sentido destacou que o Primex mobilizará 6 millóns no apoio á primeira implantación no exterior das empresas galegas, que tamén poderán acollerse á liña de axudas para apoiar a contratación de xestores especialistas en comercio exterior.











