Invístense 150.000 euros na financiación de cursos de formación no CIFP Politécnico de Lugo
As consellerías de Traballo e Benestar e de Educación e Ordenación Universitaria están a investir preto de 150.000 euros en financiar tres cursos de formación no CIFP Politécnico de Lugo que permitirán ao alumnado acceder a un certificado de profesionalidade. Estas actuacións, que son froito dun acordo entre ambos departamentos, son unha das medidas incluídas no Plan de emprego xuvenil, presentado recentemente.
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira; e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron hoxe as instalacións deste centro. En concreto, os 150.000 euros destínanse a actividades formativas sobre: “montaxe e mantemento de sistemas domóticos e inmóticos”; “xestión de chamadas de teleasistencia”; e “montaxe e posta en marcha de bens de equipo e maquinaria industrial”. O orzamento desta iniciativa para toda Galicia ascende a 3,2 millóns de euros.
Esta medida é unha das 19 que compoñen o Plan de emprego xuvenil 2014-2015. En total, o seu orzamento para os próximos dous anos ascende a preto de 100 millóns de euros e permitirá beneficiar a unhas 95.000 persoas menores de 30 anos. Esta iniciativa, de marcado carácter transversal, ten como principal obxectivo loitar contra o paro entre a mocidade.
Un dos eixos principais desta iniciativa será a formación –eido no que se inscriben as actividades financiadas neste CIFP lucense-, dado que o 60 por cento dos mozos e mozas parados teñen escasa ou nula cualificación.
Díaz resaltou que a iniciativa inclúe tanto medidas de novo deseño, como o reforzamento ou continuidade doutras que xa existían.
Entre as medidas novidosas, destacou, entre outras, a regulación de prácticas laborais para mozos cualificados (universitarios ou con títulos de formación profesional), que consistirá en financiar as súas prácticas durante nove meses; e tamén fixo fincapé na posta en marcha dun programa de atención preferente no Servizo Público de Emprego de Galicia para mozos e mozas que nin estudan nin traballan.
Para este mesmo colectivo, crearanse tamén novos incentivos de contratación, que consistirán en axudas de 200 euros mensuais ata o límite dun ano. Ademais, ponse en marcha un novo incentivo para apoiar o contrato de formación e aprendizaxe consistente en ata 100 euros mensuais, e ata un máximo de 12 mensualidades. Esta medida compleméntase co mantemento dos incentivos á contratación ordinarios.
Ao abeiro do Plan, crearase tamén unha liña específica para os autónomos menores de 30 anos, subvencionando tamén a aqueles cuxa actividade económica non leve consigo un investimento en activo fixo.
Os mozos e mozas disporán tamén do programa Xuventude coop, que se basea nun conxunto de actuacións especialmente dirixidas á mocidade para o fomento do emprendemento cooperativo como saída laboral
Ademais destas novas medidas, no marco do Plan poténcianse tamén programas de formación específicos para mozos con baixa cualificación, ou o contrato de formación e aprendizaxe, que combina formación e un contrato de traballo, e no que a Xunta financia voluntariamente a parte referida á formación.
Ademais das medidas citadas anteriormente, o Plan tamén inclúe outras como: a formación profesional dual; a rede galega de viveiros de empresa en centros educativos; a formación profesional modular; ou a formación de mozos e mozas sen cualificación a través de iniciativas como os programas de cualificación profesional inicial.
Xa nun ámbito máis relacionado co emprendemento, incorpóranse actuacións como: as axudas para a creación de pemes ou realización de investimentos en novas empresas; as bolsas formativas para realizar proxectos de mellora das pemes galegas; accións formativas e de titorización en emprendurismo; becas de promoción exterior; bolsas de traballo de xestores IGAPEX en internacionalización; contratación de xestores en internacionalización; e accións formativas e formación en ferramentas de creación e xestión de empresas para aquelas persoas que teñan unha idea pero non coñezan as ferramentas para levala a cabo.











