Investiranse preto de 500.000 euros na mellora das instalacións dos centros educativos da capital galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A concelleira da Área de Servizos Sociais e o secretario xeral técnico reuníronse esta mañá para abordar as reformas prioritarias nos colexios da cidade

As obras realizaranse en todos os centros de Santiago de educación infantil e primaria

O Concello de Santiago de Compostela e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaban de acordar un investimento de preto de 500.000 euros para a mellora das instalacións dos centros educativos da capital galega, en concreto en todos os centros de infantil e primaria de Santiago. Para iso, o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala; e a concelleira da Área de Servizos Sociais, María Castelao Torres, reuníronse esta mañá para abordar as reformas prioritarias nos colexios da cidade, co fin de que as obras poidan comezar en canto o calendario lectivo o permita. No encontro estivo ademais presente a subdirectora xeral de Construcións e Equipamento, Mª Jesús López López.

Segundo o acordado, a Consellería achegará 140.000 euros para a realización de traballos de mellora que se centrarán fundamentalmente nas instalacións dos CEIP Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Mestre Rodríguez Xixirei, Lamas de Abade e CEIP das Fontiñas, sen prexuízo de actuacións menores es outros centros.

Pola súa parte, a achega do Concello ascenderá a 350.000 euros, destinados a obras en todos os centros do termo municipal, e consistirán basicamente en labores de mantemento das infraestruturas. O obxectivo é que as obras comecen canto antes e así a concelleira xa comprometeu o inicio da intervención municipal nesta vindeira semana no CEIP Monte dos Postes.

Simultaneamente coa realización destas obras estase a enviar aos centros educativos situados no termo de Santiago o equipamento correspondente á ultima fase do Proxecto Abalar, cun investimento de máis de 500.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

Con esta colaboración a Consellería e o Concello poñen de manifesto o compromiso de ambas as institucións coa comunidade educativa compostelá, dando resposta ás súas demandas a través dun forte investimento no actual contexto de crise económica.

 

24 de febreiro de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.