Inician as obras de reforma da Casa da Cultura de Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+
Reformas na Casa da Cultura de Tomiño

Reformas na Casa da Cultura de Tomiño

Comezaron nestes días as obras de reforma e rehabilitación da Casa da Cultura de Tomiño, co fin de corrixir as deficiencias que presentaba, así coma a mellora xeral das instalacións e dotación de novos equipamentos.

Os traballos consisten na remodelación do escenario e dos accesos ao mesmo, desde os vestiarios e desde o exterior.

Corrixiranse, asemade, as deficiencias térmicas que afectan ao edificio, mellorándose a instalación eléctrica e dotándose dun mellor equipo de son e de material de proxección de audiovisuais.

Un novo acceso desde a parte traseira do edificio, comunicará directamente co escenario e cos vestiarios do semisótano. O escenario ampliarase un 20% e acondicionaranse os laterais para acoller novas instalacións. A obra inclúe tamén o cambio de carpintaría exterior, con dobre acristalamento e instalación dun novo sistema de climatización que permita un quecemento máis rápido do recinto. Tamén se reparará a fontanaría e substituiranse algunhas pezas danadas dos aseos.

Así mesmo, procederase á limpeza da pedra da fachada, á urbanización da parcela exterior do edificio e ao acondicionamento do tellado.

O inmoble no que se realizarán estas actuacións ten unha superficie de 766 metros cadrados e dispón de planta baixa, con sala principal e escenario, e outra alta con anfiteatro.

A Casa dá Cultura, situada na Avenida República Arxentina, acolle actos culturais de diversa índole, así coma outros eventos de caracter social, veciñal, educativo, etc.

As obras son executadas con cargo ao Plan de Investimentos da Deputación Provincial, organismo que adxudicou a Proxectos Abilleiras a execución da reforma, cun orzamento de 156.191,73 euros.

Días atrás a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, realizou unha primeira visita ás obras, acompañada pola concelleira de Cultura, Cristina Martínez e o concelleiro de Urbanismo, Uxío Benítez. O encargado e o xefe da obra, guiáronlles na visita.

 

18 de febreiro de 2014 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.