III Certame Lidera Ferrol para premiar o talento e a creatividade da mocidade da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolXuventude
A-
A+

A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, presentou esta mañá a terceira edición do certame “Lidera Ferrol”, que ten por obxecto premiar e poñer en valor o talento creador e artístico dos mozos e mozas da cidade.  Esta nova edición repartirá un total de 8.000 euros entre os tres primeiros clasificados de cada unha das oito modalidades do certame, que son: Curto/Videoarte; Deseño de soportes dixitais; Fotografía; Música; Deseño de produto; Cómic/Relato curto; Pintura/Escultura e Teatro/Danza.

A edil ferrolá explicou as bases que rexerán esta nova convocatoria de Lidera Ferrol e destacou que “entre a primeira e a segunda edición a participación aumentou un 70% así como a calidade das obras presentadas”. Como na edición do 2012, establécense premios en metálico para os tres primeiros clasificados de cada categoría, cun primeiro premio de 600 euros; un segundo de 300 euros e un terceiro de 100 euros. Así, os diferentes galardóns serán outorgados por un xurado integrado por tres persoas que valorará a orixinalidade, deseño, técnica e calidade artística das obras.

Participantes e prazos

En canto ás persoas que poderán participar, Verónica Casal apuntou que Lidera Ferrol 2014 vai dirixido a mozos e mozas, de maneira individual ou colectiva, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos (ambos incluídos). Ademais, deberán cumprir polo menos un dos seguintes requisitos: nado/a en Ferrol, estar empadroado/a no termo municipal; ou cursar estudos nun centro educativo ou universitario de Ferrol.

O prazo de inscrición e entrega das obras iniciarase mañá e rematará o 16 de abril. As obras entregaranse no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol, de luns a venres en horario de 09:00 horas a 14:00 horas e os sábados de 9:00 a 13:00 horas-. Casal Míguez sinalou que unha vez finalizado o prazo de presentación das obras será convocada “en dúas ou tres semanas” a gala de entrega de premios.

19 de febreiro de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.