Igualdade mostra o seu apoio ás iniciativas da asociación contra o cancro en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
López Abella na visita a sede da asociación

López Abella na visita a sede da asociación

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá a sede da Asociación Española contra o Cancro en Ourense, onde mantivo un encontro coa súa presidenta, María Isidora Gómez Segade, coa que intercambiou información sobre esta enfermidade e como repercute na vida das mulleres. Así mesmo López Abella interesouse polas iniciativas postas en marcha pola Asociación co fin de atender as persoas que sofren esta enfermidade e aos seus familiares.

Precisamente o ano pasado o Goberno da Xunta –a través da Secretaría Xeral da Igualdade- subvencionou á Asociación con 16.400 euros a través da orde de entidades de iniciativa social o “Programa de apoio psicosocial para a rehabilitación integral de mulleres operadas de cancro de mama” creado pola entidade e do que xa se beneficiaron máis de 250 mulleres na provincia de Ourense.

O mencionado programa ten como principal obxectivo axudar ás mulleres mastectomizadas nas dificultades diarias que se lles presentan así como mellorar a súa calidade de vida a través de técnicas de rehabilitación tanto no plano psicolóxico coma no social.

Segundo os datos que expuxo a presidenta da delegación ourensá da Asociación contra o Cancro, en España diagnostícanse uns 22.000 casos ao ano, o que representa case o 30% de todos os tumores do sexo feminino no noso país.

14 de febreiro de 2014 | 12:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.