Gondomar prepárase para festexar o Entroido cunha programación para grandes e pequenos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomar
A-
A+

Un ano máis Gondomar celebra o Entroido cunha programación chea de actividades. A Concellaría de Cultura e Festexos de Gondomar que dirixe Ignacio Troncoso, organiza como acto principal deste Entroido 2014 o tradicional Gran Desfile de Comparsas, que se celebrará o domingo día 2 de marzo.

Abrirá a xornada a lectura do pregón, que correrá a cargo do Gondomar C.F., co motivo da celebración do seu centenario. O trío Azar será o encargado de presentar o desfile que dará comezo a partir das 16.00 horas e no que participarán un total de 15 comparsas vidas de Nigrán, Tui, Tomiño, A Guarda, Vigo e Gondomar.

Moito Entroido: A casa de Mickey
C.C.  A Merced de Chaín
Os lunáticos de Chaín
Chinatau
Super Chef
Asociación Cultural Dreogán Val Miñor: O espertar dos Marionetas
Os Macanudos: Os Pelimacanudos
Os Terribles de Tebra
Os Tenebrosos de Couso
A tasca dos Mouros
Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios: Vinciocas
Asociación de Veciños de Beade: Love Music
La mar de salaos
Asociación Carnavales Mañufe: Unha comparsa la mar de salá
Chegaron os que faltaban

Logo de pasar polas rúas Eduardo Iglesias e Ángel Urzaiz, realizarase unha pequena parada na praza do Concello, onde o trío Azar amenizará a festa.

A festa continúa o martes 4 de marzo coa verbena musical de Entroido que, desde as 22.00 horas, estará amenizada pola orquestra ‘Yucatán’. A partir das 00.00 horas daranse a coñecer as comparsas e carroza gañadoras e realizarase a entrega de premios.

Para as comparsas máis orixinais haberá premios:

• 700 euros  1º clasificada
• 600 euros  2º clasificada
• 500 euros  3º clasificada
• 400 euros 12 axudas para as restantes comparsas participantes

Haberá tamén un premio especial para a mellor carroza das comparsas presentadas cun importe de 300 €.

O mércores, 5 de marzo, celebrarase o tradicional Enterro da Sardiña. Ás 19.30 horas terá lugar o velorio de Dona Sardiña e ás 20.30 horas comezará a procesión, a lectura do testamento e o propio enterro de Dona Sardiña.

Actividades para os máis pequenos

Os máis pequenos tamén gozarán deste Entroido 2014. A Concellaría de Cultura e Festexos organiza para o vindeiro 28 de febreiro a Gran Carreira pedestre da comparsa escolar, ‘Corre coa túa máscara!’.

O éxito acadado nos pasado anos, fai que o Concello aposte de novo por este, xa tradicional evento, no que participarán mozos e mozas dos sete centros educativos do municipio. Desde a Concellaría de Cultura e Festexos estímase que serán preto de 1.300 os participantes que acudirán este ano ao desfile.

A carreira sairá ás 11.00 horas desde o Pavillón de Deportes e percorrerá as principais rúas do casco de Gondomar  durante unha hora aproximadamente. A chegada será ás 12.00 horas voltando ao Pavillón de Deportes.

O luns 3 de marzo, terá lugar a Festa Infantil. Desde as 16.30 horas, na Praza da Alameda os máis pequenos poderán participar nun obradoiro de circo, xogar nos inchables e sorprenderse coa maxia con Animar-T e o Mago Román.

O martes 4 de marzo, a partir do 16.30 horas, celebrarase o Desfile Infantil na Praza da Alameda onde tamén haberá música e baile con Aminar-T.

En caso de chuvia, estas actividades trasladaranse ao Pavillón.

21 de febreiro de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.