“Gómez” e “Salao” lideran o XIV Trofeo Torre de Hércules

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O pasado fin de semana, o Real Club Náutico da Coruña celebrou a primeira xornada do XIV TROFEO TORRE DE HERCULES para a clase Cruceiro, e o Acto II das series de inverno J80.

Na xornada do sábado, puidéronse completar 3 probas para os J80s, aínda que con ventos estables de dirección pero variables respecto da presión, a media da xornada foi de 10-13 nós pero durante os 2 chuvascos fortes a presión aumentou case até os 25-28 nós, cunha sensación térmica moi baixa. A clasificación xeral provisional está liderada polo “Mariña Coruña” de Tourón-Ferreiro-Etcheverría con 5 puntos (1-3-1), en segunda posición o “J-Bliss” dos irmáns Zapata con 6 puntos (2-2-2), e en terceira posición o “Biba” de Manuel Rego con 7 puntos (3-1-3).

Na xornada do domingo, os cruceiros puideron gozar dunha boa xornada de navegación, con ventos do sur e mar de fondo de 2 metros, pero o mais destacable foi que brillou o sol e por primeira vez en moito tempo non chove durante unha regata. A saída deuse puntualmente ás 13.00 horas, pero debido a un erro no procedemento do Comité de Regatas, a proba tívose que anular cando os participantes viraran a baliza de Oza. A nova saída deuse ás 13.40 horas, sobre un percorrido costeiro entre dúas balizas, “Oza” e “Chinés”, de 13 millas naúticas con 6.5 en cinguida e 6.5 en empopada.

Destacar a loita na clase 3, na que 3 embarcacións disputáronse a vitoria durante todo o percorrido, con continuos intercambios na cabeza, sen distanciarse nunca máis duns poucos metros. Proba diso, é que na liña de meta, entraron os 3 no mesmo minuto. A vitoria final en compensado foi para o “Salao”, esta vez patroneado por Enrique Vilariño, 10 segundos por diante do “Patacón” de José Ubago, sendo o terceiro clasificado o “Argallán” de Domingo Plana.

Na clase 0-2, a vitoria en tempo real e compensado foi para o “Gómez” de Andrés Soto, sendo segundo o “Araucaria” de Joaquín Cobelo e en terceira posición o “Hansa” de Julián Ojea, a cuarta posición sería para o Dehler 44 “Salseiro” de Manuel Branco

Ao finalizar a regata, todos os tripulantes puideron compartir unha “laconada” no pañol do R.C.N. Coruña, a última das xornadas dos Manxares de Inverno, aprazada as dúas últimas semanas.

17 de febreiro de 2014 | 12:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.