‘Galicia 2014. Imos pola Copa’, promoverá na comunidade o campionato mundial de baloncesto organizado por España

Presentación de “Imos pola Copa”. Foto: C. Paz
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta tarde no acto de presentación do programa de actividades Galicia 2014, Imos pola Copa, organizado pola Federación Galega de Baloncesto para a promoción da Copa do Mundo de Baloncesto FIBA 2014, que se celebrará do 30 de agosto ao 14 de setembro en España, e no que participarán os vinte e catro mellores equipos dos cinco continentes.
Lete Lasa celebrou que España fose elixida para acoller o prestixioso campionato, que estrea nome nesta décimo sétima edición, e considerou que “a progresión do baloncesto español na última década fainos xustos merecedores desta honra”. Como ex xogador e amante desta práctica deportiva, o secretario xeral desexou que este verán a selección española, que actualmente ocupa o segundo posto no ránking FIBA tras Estados Unidos, “nos faga soñar e vibrar unha vez máis, a todos, a Galicia e a España enteira, e a tantas persoas do mundo que se achegarán persoalmente aos encontros ou que os seguirán polas numerosas canles televisivas que fixarán os focos nun dos acontecementos deportivos máis relevantes a nivel internacional”.
Así mesmo, lembrou o apoio da Xunta de Galicia ao baloncesto, unha modalidade que crece en deportistas e seguidores na nosa comunidade, con máis de 13.000 licenzas e 203 clubs en 2012, e cunha importante participación feminina, que supón o 45 por cento das licenzas. Desde 2009 ata 2013, a Xunta achegou 1.033.661 euros en axudas a través da Federación Galega de Baloncesto, ademais de 1.744.000 euros en axudas a clubs, e 1.313.000 euros en patrocinios da Fundación Deporte Galego aos clubs de alta competición.
O acto, que tivo lugar no Hostal Reis Católicos, contou coa participación dos presidentes da federacións galega e española de baloncesto, Francisco Martín e José Luis Sáez respectivamente, xunto con destacadas figuras do baloncesto español, como os ex-xogadores Jorge Garbajosa e o galego Fernando Romay.
Calendario de actividades
No transcurso do evento deuse a coñecer o calendario de actividades organizadas pola Federación Galega de Baloncesto co apoio da Xunta de Galicia para promover a Copa do Mundo 2014, que comezan coa presentación de hoxe e finalizan en setembro:
20 febreiro Presentación “GALICIA 2014” (Santiago)
23 febreiro Xornada de Harmonización do Minibasket Galego (Ourense)
3-5 maio Road Show (Pontevedra)
4-10 maio Campionato España Clubs Júnior Masculino (Marín-Pontevedra)
17 maio Pequebasket (Carballo)
7-8 xuño Campionato Minibasket FGB (Santiago)
15-21 xuño Campionato España Clubs Infantil Masculino (Cambados-Salnés)
15-21 xuño Campionato España Clubs Infantil Feminino (Pontevedra)
25-28 xuño Jamboree Clubs Mini Galicia 2014-2018 (Santiago)
9 xuño-2 xullo Selección U20F (Noia)
27 xullo-19 agosto Selección U16M (Marín)
18-19 xullo Protour (Baiona)
Agosto Partido Gira Selección Española Sénior Masculina (A Coruña)
Agosto Protour (A Coruña)
1-3 agosto Road-Show (Vigo-Samil)
Setembro Clinic Árbitros Euroliga (Santiago)











