Fundación Amancio Ortega, Xunta e Concello de Cambre colaborarán na construción da escola infantil

Infografía da escola infantil
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez; o alcalde de Cambre, Manuel Rivas; e o director xeral da Fundación Amancio Ortega, Óscar Ortega, asinaron o convenio que dá inicio á construción dunha nova escola infantil neste municipio coruñés.
O centro, que contará cunha superficie total edificada de 770 metros cadrados divididos en seis módulos, estará situado na parroquia do Temple, na rúa de Francisco Añón, e ofrecerá 82 prazas para nenos de 0 a 3 anos, o que representa un aumento do 50% das que dispón actualmente Cambre.
O proxecto, que suporá un investimento por enriba dun millón de euros por parte da Fundación Amancio Ortega, situarase nunha parcela de titularidade municipal cedida ao Consorcio con este obxectivo. Unha vez finalizada a construción e o equipamento do centro, a Fundación Amancio Ortega doará o inmoble ao Consorcio, responsable, xunto ao concello, da súa posta en marcha e posterior funcionamento como parte da rede pública de escolas infantís de Galicia.
Coa firma deste convenio, a Fundación Amancio Ortega continúa coa execución do compromiso adquirido coa Xunta de Galicia polo cal a institución achegará, entre o segundo semestre do ano 2012 e o último semestre de 2015, máis de dez millóns de euros para a construción de nove escolas infantís nos municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Ferrol, Lugo, Melide, Ourense, Santiago e Vigo. Esta iniciativa poderá beneficiar a 750 familias cada ano.
A posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís de 0 a 3 anos é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que conta con 69 medidas, e que pretende mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos e galegas.
Así mesmo, enmárcase na aposta da Xunta de Galicia pola conciliación da vida familiar e laboral, un obxectivo que na pasada lexislatura deu como froito a posta en marcha de 3.000 prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos.











