Fórum Cidade preséntase como un evento para converter A Coruña en referente culinario
A presidenta do Consorcio de Turismo e tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, definiu hoxe o Fórum Cidade, o programa de actividades paralelas ao Fórum Gastronómico no que participan 120 establecementos coruñeses que durante 12 días, do 14 ao 25 de febreiro, celebrarán accións para promocionar a gastronomía local, como “un evento de todos os coruñeses deseñado para apoiar os nosos produtos, hostalaría e comercio e dar a coñecer as extraordinarias calidades da nosa gastronomía”.
Na presentación do programa, que arrinca este venres con catas, degustacións e menús especiais, entre outras accións, Luisa Cid, acompañada polo codirector do Fórum Gastronómico, Pep Palau, afirmou que o Fórum Cidade reforzará a condición da Coruña como referente culinario de primeiro nivel. Explicou que desde o primeiro momento trasladouse á organización o interese mostrado desde o Goberno local para que as actividades contasen con todos os sectores coruñeses que dunha ou outra forma están relacionados coa gastronomía.
Neste sentido, Cid animou aos cidadáns a participar e a gozar das accións do Fórum Cidade e asegurou que “é a outra cara do Fórum Gastronómico”. Neste aspecto, engadiu que mentres o Fórum Gastronómico que se celebrará entre o 23 e o 25 de febreiro en ExpoCoruña ten a parte máis técnica e mediática, coa presenza dos mellores cociñeiros do mundo, o Fórum Cidade “é a parte máis cidadá, o evento ideal para a nosa cidade, a plataforma idónea para os nosos mercados, para os nosos restaurantes, para o noso comercio, para mostrar ao mundo toda a nosa calidade gastronómica”.











