Florentino Romero Cobas chegará aos 36 anos como xuíz de paz de Brión

Florentino Romero
O BOP de hoxe publica o acordo da Comisión da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que na súa xuntanza do 24 de xaneiro de 2014 acordou nomear a Florentino Romero Cobas e a José Caramés Vázquez como xuíz de paz titular e substituto do xulgado de paz de Brión, respectivamente. Uns postos para os que foron elixidos por unanimidade polo Pleno Municipal do Concello de Brión celebrado o pasado mes de novembro xa que, entre outros méritos, eran os únicos con experiencia previa e tamén os únicos residentes en Brión, o cal facilitará o seu labor.
De cumprir integramente este novo mandado, Florentino Romero, veciño da aldea de Soutullos (San Salvador de Bastavales), cumprirá 36 anos como xuíz de paz de Brión. Aínda que inicialmente non tiña previsto volver a presentarse, finalmente a Romero púidolle a “satisfacción de axudar a resolver problemas. Gústame facerlles as cousas máis fáciles á xente”, como recoñeceu á revista municipal “Altamira”.











