Finaliza o rexistro da delegación da Xunta en Vigo
Axentes da Policía Xudicial rexistraron durante algo máis de seis horas as dependencias da delegación territorial da Xunta en Vigo no marco da ‘Operación Patos’, unha investigación dirixida polo Xulgado de Instrución número 7 da cidade, en relación con supostas irregularidades en contratos públicos.
Segundo confirmaron fontes coñecedoras dos feitos, varios axentes de paisano presentáronse sobre as 10.00 horas deste martes na delegación da Xunta, e reclamaron aos funcionarios “diversa documentación”.
Fontes da Xunta confirmaron que se realizaron rexistros en varias dependencias do edificio, aínda que outras fontes precisaron que as pescudas dos policías centráronse na segunda planta, onde se sitúan os servizos da Consellería de Traballo e Benestar. “Entraron en varios despachos, entre eles o do responsable de xestión económica, e requisaron os móbiles dos funcionarios aos que pediron información”, sinalaron.
Varios axentes policiais que participaron nos rexistros abandonaron o edificio, polo acceso ao garaxe, con varias caixas, e en dous coches.
Por outra banda, a Policía tamén realizou un rexistro nas oficinas do Consorcio Casco Vello de Vigo (organismo participado nun 90 por cento pola Xunta e nun 10 por cento polo Concello), na Praza da Princesa.
Desde primeira hora da mañá deste martes tamén se está realizando un rexistro no Concello de Vigo, concretamente na segunda planta, onde os axentes están a recoller información e expedientes nos departamentos de Vías e Obras, Parques e Xardíns, ou Limpeza. Os expedientes reclamados son os relativos ás obras da empresa Eiriña, e o contrato coa concesionaria de parques e xardíns Cespa.











