Ferrol homenaxeará a María del Carmen Tuñón Álvarez no Día Internacional da Muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Igualdade do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, presentou hoxe os actos institucionais do 8 de marzo con motivo do Día da Muller que terá lugar no Teatro Jofre. A  comisión informativa da Área acordou esta mañá que a galardoada deste ano será María del Carmen Tuñón Álvarez, a primeira muller titulada en Enxeñería Técnica Naval “a súa titulación é do ano 1972” e unha muller que “tan pronto rematou a súa carreira universitaria comezou a traballar no estaleiro de Astano”, subliñou Casal Míguez.

A homenaxeada iniciouse en armamento anticipado para continuar no departamento de proceso de datos e control da información. Este cambio produciuse coa chegada á cidade naval dun importante equipo de IBM “pioneiro a nivel nacional e que controlaba todo o estaleiro” engadiu a edil ferrolá. Tuñón Álvarez retirouse no departamento de I+D+I. Así mesmo, a  concelleira responsable das políticas de igualdade do Concello de Ferrol tamén sinalou que a galardoada forma parte da promoción creadora do campus universitario de Ferrol. “María del Carmen Tuñón Álvarez é unha muller digna de coñecer por todos os ferroláns e que rompeu estereotipos sendo a primeira xefa da seguridade dos nosos estaleiros onde traballaban aproximadamente 6.000 homes e só 10 mulleres”, recalcou Casal Míguez.

Ademais da homenaxe á que tamén fora a primeira xefa de Astano, o acto organizado pola titular de Igualdade incluirá a proxección do film “Concepción Arenal”, muller pioneira nas aulas de informática do campus universitario de Ferrol. Os actos institucionais do 8 de Marzo no Teatro Jofre comezarán ás 20:00 horas.

27 de febreiro de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.