Ferrol aproba as bases do procedemento aberto para o aproveitamento especial das cantinas do pavillón da Malata
A Comisión Informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos deu luz verde esta mañá as bases que rexen o procedemento aberto para a autorización do aproveitamento especial dos ambigús do pavillón polideportivo municipal da Malata. O prazo de presentación de ofertas será de 30 días, contados a partir da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP).
Ámbolos dous ambigús están situados nos baixos das bancadas norte e sur do pavillón da Malata e dispoñen dunha superficie útil de 60 metros cadrados cada un deles. Ditos elementos están afectos ao servizo, tanto do polideportivo da Malata como das pistas de atletismo, tenis, pádel, etc… lindantes ao polideportivo. Os obxectos de explotación están constituídos polas correspondentes barras e unha billa de auga fría. En canto ao horario de funcionamento, o ambigú do fondo sur deberá estar aberto, como mínimo, en todo o horario de actividade do Pavillón Municipal da Malata, especialmente nas tarde de luns a venres. Polas mañás podería substituírse por máquinas expendedoras, se así o recollese na súa proposta o interesado que resulte elixido. No caso dos sábados e domingos, a cantina do fondo sur deberá estar aberta durante todo o horario de funcionamento do pavillón e estar atendida polo menos por unha persoa. Así, cando se desenvolvan competicións e o aforo o precise, se deberán abrir as dúas cantinas -fondo norte e sur- co persoal suficiente e necesario.
Segundo recollen as bases, a persoa ou entidade adxudicataria deberá efectuar como investimentos mínimos a instalación de maquinaria industrial (cafeteira, frigoríficos, etc) por un importe de 2.500 euros así como o acondicionamento-utilaxe, por 1.500 euros. Así mesmo, deberán aboar un canon mínimo de 960 euros anuais e o prazo de vixencia do contrato será de 4 anos. Os criterios que se terán en conta para a adxudicación do aproveitamento especial dos ambigús do pavillón da Malata son os seguintes: incremento do canon mínimo (50 puntos); incremento dos investimentos mínimos sinalados nas bases (30 puntos); e melloras (20 puntos).











