Ferrol abre o prazo de inscrición para participar nos obradoiros lúdicos e educativos de “Ferrol Concilia”
A concelleira de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, presentou esta mañá o programa “Ferrol Concilia”, dirixido a menores entre 3 e 12 anos e empadroados no Concello de Ferrol. O prazo de inscrición para participar neste programa de conciliación familiar e laboral estará aberto dende mañá e as solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral da Casa Consistorial. A Deputación Provincial da Coruña colabora economicamente nesta iniciativa da Área de Igualdade e Xuventude do goberno que preside Jose Manuel Rey Varela.
Casal Míguez explicou que o programa “Ferrol Concilia” desenvolverase ao longo do ano e dará comezo a finais do mes de febreiro. As actividades, de carácter lúdico e educativo, terán lugar de luns a venres, en horario de 16 a 20:30 horas, e os sábados de 9:30 a 13:30 horas na Casa da Muller. A edil ferrolá sinalou que “tan pronto como este terminado do edificio infantil cuberto da praza de España serán realizadas todas estas actividades alí”. O programa “Ferrol Concilia” conta de 14 obradoiros gratuítos e cada un deles ten un límite de prazas de 10 persoas, polo que se dispón de un total de 140 prazas. Así, cada un dos nenos e nenas poderán anotarse a dous obradoiros.
En canto aos talleres, a proposta inclúe unha gran variedade de obradoiros, que son os seguintes: obradoiro dos sentidos “Vexo vexo”, que consiste en coñecer a través dos sentidos o ámbito físico e social máis próximo aos menores; obradoiro de “Chiquirritmo”, que pretende desenvolver a memoria auditiva e a capacidade rítmica; taller “Cores”, para favorecer a creatividade e a imaxinación dos menores así como o desenvolvemento da comunicación verbal e non verbal a través das artes plásticas; taller de contos e animación á lectura “Érase unha vez”,que pretende iniciar aos menores no mundo do libro e das bibliotecas; obradoiro de apoio escolar ao estudo asistido “Aula Studio”, que consistirá en mellorar e asentar o rendemento escolar dos participantes; obradoiro de inglés “Bilingual”, para afianzar os coñecementos de inglés e ampliar o vocabulario e a fluidez verbal; taller de predeporte “Salta, saltarín”, que consiste en dar a coñecer os deportes tradicionais e mellora a súa motricidade e control corporal; taller de debuxo e pintura “Pequenos talentos”, para descubrir e valorar as capacidades artísticas; taller de “Música maestro”, que permitirá despertar un interese pola música e o seu mundo; obradoiro de costura creativa “Dedais”, para aprender a coser a man e máquina, e iniciarse no mundo do crochet e patchwork; obradoiro de cociña fácil “Petit Chefs”, para estimular o interese pola comida sa e o mundo da cociña; e o obradoiro multideporte “Pasa a bola”, que consistirá na práctica dun deporte en equipo como elemento de relación e desenvolvemento. Así mesmo, os menores de entre 10 e 12 anos, poderán participar no taller de cine e videocreación “Rodando” e no taller de radio “Radio Chiquitín”.











