Fernández Lores móstrase “encantado, alégrome profundamente de que a Xustiza actúe”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
E.P.

“Calquera investigación que se faga sobre posibles corruptelas de empresas e institucións me parece espléndida”, sostivo este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen recordou que a súa formación ten en marcha unha campaña “contra un sistema cruel e corrupto” como o actual.

Foron as súas palabras tras ser preguntado pola Operación Patos, que investiga irregularidades na adxudicación de contratos públicos e en virtude da cal a Policía Xudicial se incautou de varios expedientes de obras no Concello de Pontevedra e outras administracións.

“Paréceme marabilloso que se faga, eu creo que hai que facela”, proseguiu, en referencia á investigación, e asegurou que a Casa do concello pontevedrés vai “colaborar con calquera tipo de investigación que se faga”. “Queremos que se aclaren as cousas”, abundou, antes de incidir en que está “encantado” coa operación.

Pola súa parte, o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Obras de Pontevedra, Antón Louro, mostrou a súa “total tranquilidade”, toda vez que ao departamento que dirixe “tan só lle corresponde planificar as obras a realizar”. De feito, explicou que “carece de competencias” na licitación e a adxudicación.

Así mesmo, subliñou que “as adxudicacións se realizan pola xunta de goberno local, sempre, en función dos informes dos técnicos e con presenza dos principais funcionarios do concello na mesa de contratación”. Finalmente, expresou a súa confianza na “honradez radical” de todo o Executivo local.

“UN ANO PEDINDO EXPLICACIÓNS”

Pola súa banda, o voceiro do PP no Concello pontevedrés, Jacobo Moreira, criticou que leva “un ano pedindo explicacións por algúns contratos”. “E sigo sin recibilas”, lamentou.

Ademais, defendeuse de quen lle “acusaron de acender o ventilador” cando preguntou polo relativo á investigación do caso Pokémon.

O xulgado de instrución número 7 de Vigo, que instrúe a Operación Patos, requiriu os expedientes das obras na rúa Santa Clara e na Avenida de Lugo.

19 de febreiro de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.