Feijóo afirma que a construción dun flotel en Navantia sitúa Ferrol en sintonía “coa demanda naval do futuro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+
Feijóo na visita a Ferrol. Foto: X. Crespo

Feijóo na visita a Ferrol. Foto: X. Crespo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o inicio da construción inmediata dun flotel en Navantia sitúa Ferrol en sintonía “coa demanda naval do futuro”. “O destino está na modernidade e a modernidade é non buscar no pasado, senón buscar o noso destino no futuro. E a modernidade para Ferrol é buscar o seu destino naval na demanda naval do futuro que é a industria do petróleo”, aseverou, logo de precisar que a petroleira mexicana Pemex é, sen dúbida, das empresas do mundo que teñen máis futuro nesa industria.

Durante a recepción no Concello de Ferrol aos representantes da multinacional, xunto ao alcalde do municipio, José Manuel Rey Varela, Feijóo incidiu en que o futuro de Galicia está en abrirse, “non en pecharse, nin en mirar o que faciamos, senón en intentar conseguir cousas que non faciamos ata o de agora. E hoxe podemos acreditar que, da mesma forma que México e España teñen lazos de familia, son dous países que teñen que seguir unidos, cada vez con maior intensidade”.

Nesta liña, o titular da Xunta expresou o seu desexo de que a alianza con Pemex sexa unha alianza de unión entre os dous países, cuxo principio sexa Ferrol. “Ferrol é o principio da construción naval en España e espero que tamén sexa o principio do futuro da construción naval en España. Pemex deunos esa oportunidade e non imos fallar. Imos entregar ese barco conforme as prescricións técnicas pactadas, coa calidade contrastada e coa seguridade de que teñen aquí un porto seguro para poder facer moitas máis cousas xuntos”.

Durante a súa intervención, o responsable do Goberno galego afirmou que a petroleira mexicana é o reflexo dun país en marcha, “de que México chegou á economía internacional para quedarse e para quedarse entre os principais países do mundo”. “México e Pemex son dous nomes de futuro que acreditan competitividade e que acreditan para os seus socios e clientes unha posibilidade de crecer e de modernizarse conxuntamente, engadiu, logo de precisar que empeza a conta atrás para que en 29 meses o flotel encargado estea listo para partir cara a México e así completar os 30 meses -29 de construción e 1 de travesía e entrega- para que empece a estar operativo nunha das explotacións petrolíferas de Pemex”.

Feijóo destacou que hai poucos países como España que poden sentir o orgullo de ser o punto de partida de Europa cara a América e poucos lugares como Galicia e Ferrol, sinónimos de mar e de barco, respectivamente.

Para o presidente da Xunta, que Ferrol comece antes do levantamento do veto a construír un gran buque nunha das mellores empresas do mundo e para un dos países máis importantes do mundo é toda unha novidade que espera e desexa represente o inicio para a construción doutros barcos. “Este flotel é, sen dúbida, unha oportunidade para acreditar que xa quedan poucos meses para que en Ferrol poidamos empezar a construír buques civís e empecemos tamén unha nova época que acredite que este estaleiro, que ten máis dun século, é capaz de conseguir pedidos para as próximas décadas”.

7 de febreiro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.