Este xoves inícianse en Monforte as charlas a prol dun Entroido solidario
A concelleira de educación, Pilar López, acompañada polos técnicos municipais de Medio Ambiente e Servizos Sociais, celebrará nos centros de ensino da cidade unhas charlas que teñen como obxectivo a procura dun Entroido solidario.
As charlas están dirixidas ó alumnado de quinto e sexto de primaria e da ESO. Este xoves día 13, ás 12:00 h., será a quenda do alumnado do colexio A Gándara; o venres día 14 a charla impartirase nos colexios Fundación Torre de Lemos e CEIP Monforte, ás 11:30 e ás 12:30 h., respectivamente; o martes día 18 serán os colexios Ferroviario e PP Escolapios os destinatarios destas charlas, ás 11:15 e ás 12:15 h., respectivamente.
Este é o terceiro ano no que se pón en marcha unha iniciativa que pretende buscar solucións á práctica nada solidaria de estragar alimentos durante o Entroido. O obxectivo destas charlas informativas é concienciar á mocidade sobre a difícil situación que atravesan moitas familias e a necesidade de facerlle fronte mediante o exercicio da solidariedade, motivo polo que celebrar o Entroido lanzando alimentos como ovos ou fariña non é o máis apropiado.
A mocidade debe entender que a crise enfronta a moitas familias a situacións económicas extremas e hai persoas que teñen serias dificultades para alimentar ás súas familias. A mensaxe a transmitir é que non hai nada divertido en botar a perder alimentos que outras persoas precisan con urxencia.
Ademais destas charlas, o Concello distribuirá pola cidade e polos centros de ensino de secundaria un bando municipal no que se alude ó espírito do Entroido, rexeitando as actuacións que nada teñen que ver con el. Este bando, xunto cunha carta explicando a situación e advertindo sobre a posibilidade de sancionar a quen lance alimentos na rúa, tamén se enviará ós pais e nais destes alumnos/as.
Durante as datas do Entroido o Concello incrementará a vixilancia nas rúas para evitar que estas prácticas se leven a cabo, aínda no convencemento de que a maneira máis axeitada para combater este desatino pasa pola educación e a concienciación da mocidade. De tódolos xeitos, lémbrase que a Ordenanza Municipal de Medio Ambiente recolle as sancións que se poden impor por non manter a limpeza e ornato dos espazos públicos.











