Entrega de diplomas de calidade turística a dez empresas e profesionais de Ferrol

Entrega de diplomas
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e a concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga, entregaron esta mañá os diplomas de calidade turística a dez empresas e profesionais de Ferrol que participaron no proxecto SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos), impulsado por Turespaña e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Ademais deste selo de calidade turística, o primeiro edil da cidade fixo entrega das placas co distintivo que as institucións e empresarios poderán lucir nos seus negocios, establecementos e servizos.
Na súa intervención, Rey Varela felicitou ás empresas, emprendedores e organismos que recibiron cadanseu certificado de calidade turística. O rexedor municipal lembrou que o Concello de Ferrol uniuse no ano 2012 ao que é o maior proxecto de calidade turística de España, o denominado Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTEC). Neste senso, sinalou a fonte de riqueza e desenvolvemento que supón o turismo para a cidade. Así mesmo, Rey Varela recalcou que o presente ano 2014 será “estratéxico” para a actividade turística da nosa cidade. “Á celebración por primeira vez de As Pepitas como Festa de Interese Turístico de Galicia se suma o recoñecemento internacional da nosa Semana Santa e a elección por parte da Unión Europea de Ferrol como sede do Congreso Europeo de Turismo Industrial e do Crossroad of Europe”, destacou o primeiro edil de Ferrol. Estes eventos de transcendencia nacional e internacional permitirán “avanzar na consolidación da Marca Ferrol e transmitir unha imaxe en positivo da cidade” engadiu o alcalde.
Motor económico da zona
Pola súa banda, a concelleira de Turismo explicou que un total de 28 empresas e organismos ferroláns contan con este selo de calidade na actualidade e que “este ano esperamos incorporar en marzo novas empresas ao SICTED”. Ao fío disto, García Fraga animou aos empresarios ferroláns do sector turístico ou outros sectores que teñan entre os seus clientes un alto porcentaxe de turistas “que aproveiten esta magnífica oportunidade que lles brinda o Concello de Ferrol para implantar a custe cero para eles, un sistema de calidade recoñecido en toda España por milleiros de usuarios”. Ademais, a edil responsable das políticas turísticas sinalou que a Administración ferrolá “aposta polo sector turístico como un dos motores económicos da zona”.
As empresas e profesionais distinguidos no acto de hoxe foron:
-Restaurante Alfonso.
-Isabel Díaz-Robles García (guía turística).
-Margarita Parada Cabeleiro (guía turística).
-Iria Varela Parafita (guía turística).
-Ferrolterra Surf (escola de surf-albergue).
-ICE Galicia (OPC).
-Bufete de Comunicación e Lending Empresarial S.L. (OPC).
-Navantia (centro de interpretación).
-Escola de Actividades Marítimas “El Galeón” (turismo activo).
-Galería Sargadelos (comercio).











