En marzo comezan as últimas actividades culturais e deportivas do programa municipal da Laracha
Os últimos cursos do amplo programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno que se desenvolve cada ano entre outubro e maio comezarán a impartirse durante o mes de marzo, unha vez rematadas as propostas culturais e festivas que tamén organiza o Concello para celebrar o Entroido.
As modalidades que se ofertan a partir do mes de marzo van dirixidas a todos os públicos e o contido das mesmas é moi diverso.
No aspecto deportivo, comezarán os cursos de tiro con arco (para nenos e tamén para adultos), que terán lugar os sábados de 11.00 a 12.30 horas no pavillón do IES Agra de Leborís.
A actividade de aquagym vai dirixida en exclusiva a adultos e impartirase na piscina municipal da Laracha os luns e os mércores, tamén en horario de mañá, concretamente das 12.15 ás 13.00 horas.
O curso de pádel realizarase nas pistas municipais do complexo deportivo do campo de fútbol da Laracha. Os nenos de 8 a 17 anos participarán nas quendas do venres pola tarde. Os adultos terán a opción de realizar o curso de iniciación ou de perfeccionamento, existindo en ambos casos quendas o venres pola tarde ou o sábado pola mañá.
As actividades culturais e formativas que comezan en marzo son os cursos do programa informático de edición de imaxes Photoshop (mércores de 20.30 a 22.00 horas en servizos múltiples) e cociña (luns e martes de 19.30 a 21.00 horas no centro sociocultural de Lendo).
Ademais, tamén principiarán os cursos de arte floral nas parroquias de Golmar, Vilaño, Lestón e Lemaio.
En todas as disciplinas aínda quedan prazas dispoñibles, polo que o prazo de inscrición permanece aberto. Todas as persoas empadroadas no Concello da Laracha poden anotarse, sendo as cotas de inscrición moi reducidas e con descontos a maiores de 65 anos, menores de idade, familias numerosas e familias con todos os seus membros e situación de desemprego. Ademais, tamén hai reducións para calquera persoa a partir da segunda actividade na que se inscriba.











