publicidade hoxe

Educación investirá 110.000 euros no cambio da cuberta do CPI Doctor López Suárez no Saviñao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoO Saviñao
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá máis de 110.000 euros no cambio da cuberta do Centro Público Integrado (CPI) Doctor López Suárez, no Concello do Saviñao.

Os traballos veñen de ser adxudicados esta mesma semana e suporán, segundo indicou Arias, a renovación da cuberta do edificio principal dun centro escolar no que na actualidade cursan estudos 194 alumnos do Saviñao e da súa contorna (42 en Educación Infantil; 74 en Educación Primaria; e 78 en ESO).

Esta actuación responde a unha demanda realizada polo grupo de goberno e a comunidade educativa do centro. A máxima representante do Executivo galego na provincia valorou a execución prevista destas importantes melloras no colexio do Saviñao, e asegurou que “a consellería que dirixe Xesús Vázquez está a demostrar o seu compromiso coa mellora das instalación educativas nesta provincia, dando resposta ás necesidades existentes nos centros”.

As obras afectarán fundamentalmente á parte superior do edificio principal do centro, no que se cambiará por completo o material do sistema de cubrición instalando tella cerámica curva en acabado natural, sobre espuma de poliuretano e unha base de placas de fibrocemento.

Paralelamente, na cuberta do anexo do comedor prevese tamén a substitución do entramado estrutural de viguetas que sirvan de sustento á cuberta. Por último, na zona de conexión dos dous corpos da construción levarase a cabo tamén a instalación de verteaugas que impidan as filtracións desde o exterior que se producen na actualidade e que veñen producidas polo deterioro causado polo paso do tempo.

Arias referiuse a importancia destes traballos, que servirán para modernizar o centro escolar de referencia do Saviñao e da súa contorna, e que veñen a sumarse ás que xa se realizaron no centro ao longo dos últimos anos e que supuxeron o acondicionamento do parque infantil do colexio e as renovacións acometidas en distintas partes do pavillón polideportivo.

21 de febreiro de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.