Duelo de titáns entre Santiago Futsal e Montesinos Jumilla para retomar a liga no Multiusos
Mañá retómase a competición ligueira tras o parón polo Europeo, coa vixésimo primeira xornada de liga, que enfronta ao Santiago Futsal e Montesinos Jumilla mañá venres ás 21h desde o Multiusos Fontes do Sar.
Os santiagueses retoman a liga coa intención de cambiar o refacho de resultados coa que empezaron este 2014, no que aínda non puntuaron tras disputar 3 xornadas. Actualmente ocupan a sexta praza na clasificación con 26 puntos, empatados a puntos con Burela FS, que é sétimo e a un punto de Ríos Renovables Ribeira de Navarra que pecha a clasificación do oito primeiros.
Pero a tan só un punto de play-off (e a dous do Santiago Futsal) atópase Montesinos Jumilla, que ademais será o rival dos santiagueses nos cuartos de final da Copa de España que se disputará en Logroño do 13 ao 16 de Marzo. Os santiagueses queren quitarse a espinita do partido xogado na primeira volta na que os murcianos venceron 3-1.
No plano médico, todos os xogadores estarán dispoñibles para Santi Valladares, excepto Santi, que continúa con molestias no menisco, polo que mañá decidirase a convocatoria. Os árbitros do encontro serán Arce Ruiz e de Juana González do colexio cántabro.
Sala de prensa
Santi Valladares, adestrador do Santiago Futsal, compareceu esta mañá en rolda de prensa, afirmando que “Jumilla é un equipo rochoso, que pelexa todos os balóns coma se fose o último, e a pesar de ser un recentemente ascendido, non me sorprende que estea na Copa. Ademais acaban de reforzarse con Lolo Suazo, un excelente xogador que lles dá ese punto de calidade. É un equipo que traballa moi ben durante os 40 minutos, moi sólido en defensa con xente moi corpulenta, que adoita xogar con pivote”.
O técnico santiagués analiza o partido da primeira volta en Jumilla, sinalando que “alí perdemos 3-1, pero foi o noso peor partido fóra de casa con fartura, e aínda así, chegamos aos 4 minutos finais perdendo só 1-0 e con porteiro-xogador arriscamos e perdemos. Mañá temos que saír a levarnos o tres puntos como sexa, para nós son tres puntos importantísimos. Nese sentido, este partido non ten nada que ver co da Copa. Temos que ir con todo a por todo, hai que gañar si ou si”.
Analizando o parón, Santi Valladares cre que a nós nos veu ben, porque realmente chegamos coas pilas bastante descargadas, pero a ver como afrontamos este partido”.
Santi Valladares espera “un partido moi complicado, un partido de alta competición. Pero xogamos en casa e en casa temos que ser inexpugnables, veña quen veña. Temos que seguir sendo o Santiago da nosa casa, que é o que nos dá ese colchón que nos mantivo na sexta posición a pesar de non puntuar nas últimas xornadas. Temos que ser fortes en casa, independentemente que fose teñamos que mellorar”.
Outra información de interese
Entradas anticipadas á venda nas oficinas do Santiago Futsal até o venres ás 14h. Despachos de billetes abertos desde as 20h do venres. Prezos das entradas: Adulto 10€ e Infantil (menores de 13 anos) 1€.
No descanso realizarase os habituais sorteos de Star Center e Hotel Oca Porta do Camiño.
Ademais, aproveitando San Valentín, o Hotel Balneario Compostela regalará sesións no Club Termal a 5 o cinco parellas máis atrevidas que acudan ao partido.
Os nenos e nenas poderán gozar desde as 20h cos inchables do Multixogo no hall de entrada do Multiusos Fontes do Sar.
Tamén estará á venda o merchandising do Santiago Futsal na caseta situada no hall de entrada.











