Dous xogadores do Rio Natura Monbus converteranse en especialistas en sobremesas de entroido
Os dous xogadores do Rio Natura Monbus, Micky García Stobart e Iñaki Sanz, deixarán de ser mañá por unhas horas baloncestistas da liga Endesa para converterse en especialistas en sobremesas de entroido, grazas á campaña “Xuntos Podemos”.
A aula de Cociña do Centro Social Franciscano de Xoán XXIII acolle dúas xornadas, unha hoxe e outra mañá, con clases desde as 17 até as 20 horas, nos que se ensinarán as mellores receitas das sobremesas da época.
Esta iniciativa, denominada “Repostaría de Entroido” trae unha serie de talleres orientados a conseguir fondos para os menos favorecidos. Quen o desexe pode a estas sesións impartidas por profesoras voluntarias coa única condición de facer un donativo de quince euros por alumno, un diñeiro destinado ao Albergue de Acollida de San Francisco. A cambio, o centro ofrece todo o material necesario en clases dun máximo de doce adultos, que poden estar acompañados por un menor de doce anos, nas que darán as claves sobre a elaboración de varias sobremesas típicas de entroido. Tanto García Stobart como Sanz poranse o mandilón na clase de mañá e realizarán filloas, orellas, canas recheas, rosquillas de anís e torrijas nunha tarde que promete ser memorable.
É unha nova iniciativa do Rio Natura Monbus en materia social, pois é habitual que parte do persoal participe en eventos con fins benéficos.











