Dous minutos de desconexión lucense chegaron para que o Magna Navarra sentenciase

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+
Un instante do encontro. Foto: Magna Navarra

Un instante do encontro. Foto: Magna Navarra

Partido igualado, precioso para o espectador, competido do Azkar Lugo e que só lle faltou unha pizca de maior concentración lucense para chegar con opcións ata o final do partido que hoxe lle enfrontou ao Magna Navarra e que finalizou con vitoria dos verdes (9-5). Eses dous minutos malos superada a media hora de partido condenaron aos galegos que con porteiro-xogador viron como os navarros sentenciaban nun partido que o marcador foi demasiado amplo para o competido e máis igualado que foi durante boa parte dos 40 minutos.

O choque non puido comezar con maior emoción e así co que quizais sexa o penalti máis tempraneiro da historia (7 segundos de partido), Cuco adiantaba ao seu equipo co 0-1. Chano, que foi o que sufriu a pena máxima, a punto estaba de facer segundos despois o segundo. Saíran enchufados os galegos, pero aos poucos o Magna Navarra tamén ensinaba as súas armas. Iso serviulles aos locais para empatar ao minuto 4 co 1-1 de Carlitos ante a falta de contundencia da defensa galega. O partido abríase, as ocasións producíanse en ambas porterías, aínda que algo máis de posesión tiñan os locais. Pero ese mini partido tamén o sabían xogar os de Diego Ríos. Cando máis esmagaron os locais, entre os minutos 7 e 11 da primeira parte, o Azkar Lugo saía ben parado das chegadas locais que salvaba abortando os disparos con agora sí unha boa defensa. E ademais nese minuto, o 11, o Azkar poñíase de novo por diante co 1-2. O autor Zala, o xogador pamplonica que hoxe marcaba o seu primeiro gol en 1ª división e especial para el ante a súa xente vestindo a camiseta azulona. Pero pouco lles durou a alegría aos pronistas xa que segundos despois unha gran volea de Eseverri coábase por toda a escadra (2-2). O partido non tiña dono, o Azkar seguía enteiro, compacto, e iso levoulle a adiantarse por terceira vez no choque cando unha recuperación de Cuco acababa co gol do propio madrileño tras un bo pase ao área de Antonio Diz (2-3). A igualdade entre ambos equipos quedaría patente antes do descanso cando Rafa Usín aproveitaba de novo un balón morto na frontal do área lucense para facer o 3-3.

Tralo paso por vestiarios, o Azkar recibiría dous duros golpes, en menos dun minuto e cun Magna Navarra crecidísimo tralos goles de Tolrá e Eseverri (5-3). Lonxe de esborrallarse, a escadra galega conseguía un minuto despois reducir diferenzas por medio de Antonio Diz que aproveitaba un rexeite tras lanzamento de falta de Aranburu (5-4). Os lucenses recuperáronse, no Anaitasuna estábase vivindo un gran partido, de goles, de emoción, pero agora eran os lucenses os que ían por detrás no luminoso. Entrábase nunha nova fase do partido, máis conservadora por ambos equipos e que non atopaban o camiño do gol para ningún equipo, pese a que o intentaban, os locais con disparos exteriores e os de Ríos con perigosas contras. Superado o ecuador da segunda parte, o partido daría un brusco xiro, o partido escapábaselles aos lucenses que parecían perder contundencia e iso aproveitouno o Magna Navarra para en menos de dous minutos sentenciar con goles de Carlitos, ao saque dun corner, e de Rafa Usín, tras virarse librándose dun defensa e bater a Óscar Iglesias de tiro cruzado. Con 7-4 aos lucenses só lles quedaba arriscar con porteiro-xogador e fíxoo faltando seis minutos para o final, pero ao primeiro minuto de iniciar a superioridade, unha perdida lucense aproveitábaa Eseverri para de campo a campo agora si asegurar a vitoria para os seus. O Azkar Lugo loitou ata o final, non arroxou a toalla, pero a diferenza era xa insalvable. Chano conseguiría poñer algo de xustiza a tres minutos do final pero aí quedouse a reacción con porteiro-xogador xa que as ocasións lucenses non atoparon un novo camiño cara ao gol. Na última xogada do partido e coa bocina soando, Jesulito faría o definitivo 9-5

Ficha técnica:

Magna Navarra 9: Asier, Roberto Martil, Eseverri, Carlitos e Jesulito, -cinco inicial-, Marc Tolrá, Rafa Usín, Iñigo, Dani, Víctor e Joni.
Azkar Lugo 5: Óscar Iglesias, Aranburu, Iago Rodríguez, Cuco e Chano, -cinco inicial-, Cospe, Álex Diz, Zala, Antonio Diz e Adrián.
Árbitros: Bel Pascual e García Donas (comité catalán). Amonestaron con tarxeta amarela a Jesulito e Eseverri (Magna).
Incidencias: 21ª xornada de liga en 1ª división. Pavillón Anaitasuna. Uns 1500 espectadores.
Goles: 0-1 min. 1 Cuco (penalti), 1-1 min. 4 Carlitos, 1-2 min. 11 Zala, 2-2 min. 11 Eseverri, 2-3 min. 14 Cuco, 3-3 min. 18 Rafa Usín, 4-3 min. 21 Tolrá, 5-3 min. 21 Eseverri, 5-4 min. 22 Antonio Diz, 6-4 min. 32 Carlitos, 7-4 min. 33 Rafa Usín, 8-4 min. 35 Eseverri, 8-5 min. 37 Chano e 9-5 min. 40 Jesulito.

15 de febreiro de 2014 | 22:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.