Elévanse a tres o número de detidos pola suposta implicación no crime dun octoxenario en Poio
As dúas mulleres que residían con Secundino Prego Amil, o veciño de 84 anos residente en Chancelas (Poio) que foi asasinado a golpes o pasado domingo ás portas da súa casa, foron detidas este luns pola Garda Civil de Pontevedra como presuntas autoras materiais do crime. Xunto con A.T.F e B.G.P., con idades de entre 30 e 50 anos, foi detido un home, que responde ás iniciais de R.G.G., algo maior ca elas, acusado de ser o suposto colaborador.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, informou que as detencións –realizadas en Noalla e Vilalonga, no municipio de Sanxenxo, e no barrio pontevedrés de Monte Porreiro– “precipitáronse esta tarde” cando os investigadores souberon que unha das agora detidas pretendía marchar de España.
Nin o subdelegado, nin o coronel da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Manuel Dabó, confirmaron na súa comparecencia se as persoas detidas recoñeceron a súa participación nos feitos que se lles imputan.
NON ESTÁ pechada
A investigación non está pechada posto que a Garda Civil de Pontevedra aínda analiza os obxectos intervidos nos rexistros practicados nos lugares onde se produciron as detencións, que comezaron este mediodía.
Antonio Coello destacou o “rumbo totalmente distinto” das investigacións con respecto á hipótese inicial e agradeceu o “esforzo” do Instituto Armado nos “sete días intensos” que durou a investigación para resolver o caso con “axilidade e eficacia”.
Así, o subdelegado do Goberno explicou que as mulleres detidas son as que alertaran o 112 dun roubo na casa que atribuíron a “dous homes novos”.
Tal e como os describiran, tras apropiarse de varios obxectos, fuxirían nun vehículo pequeno de cor branca en dirección a Sanxenxo. O feito de que Secundino Prego fose vítima dun roubo de similares características en novembro de 2013 fixo que a Garda Civil iniciase con eses datos unha primeira liña de investigación.
Non obstante, tras investigar a situación das persoas detidas, os axentes acabaron descartando esa hipótese e optaron por analizar os “círculos próximos” ao falecido. Estas pescudas resultaron “laboriosas”, segundo o subdelegado, debido ao carácter “aberto e social” da vítima, ata o punto de que a Garda Civil se atopou con que “numerosas persoas” pasaran a noite na súa casa.
HERDEIRA UNIVERSAL
Finalmente, os investigadores comprobaron que a versión das persoas que alertaran do roubo non era “coherente”. Antonio Coello precisou que foi no propio velorio onde se verqueron “de forma aberta” os comentarios relativos a que unha das detidas se convertera –unha semana antes do crime– na herdeira universal de Secundino Prego Amil, por vontade deste e a pesar de que tiña familia directa.
O feito de que tanto o diñeiro en efectivo como o valor económico do terreo no que se atopaba a casa fose “moi elevado”, segundo Coello, levou a que os investigadores valorasen estas circunstancias como un “posible móbil”.
Os tres detidos atópanse na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e está previsto que pasen a disposición xudicial ao termo das primeiras dilixencias. O subdelegado do Goberno en Pontevedra eloxiou o traballo “encomiable” das Forzas e Corpos de Seguridade.











