Do Campo apoia a labor da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Belén do Campo na visita á mesa informativa

Belén do Campo na visita á mesa informativa

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa informativa da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) instalada no edificio administrativo do Goberno galego en Monelos con motivo do día mundial destas doenzas, que se conmemora hoxe.

A máxima representante do Executivo autonómico na provincia trasladou aos representantes da entidade que preside María Jesús Arias o apoio á súa labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais das asociacións nas que se integran, “cos que é necesario traballar e colaborar”.

Do Campo recordou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, acaba de conceder unha achega a esta entidade de 4.900 euros para a prestación de servizos de rehabilitación fisioterapéutica. O obxectivo desta medida é buscar unha atención o máis próxima posible a todos os que padecen algunha enfermidade rara e aos seus familiares e de aproveitar todos os recursos que a mesma sociedade crea. Na mesma liña, a Consellería de Traballo e Benestar tamén colabora coa organización a través dunha subvención de 29.445 euros para a contratación de dúas persoas nun período comprendido entre 9 e 12 meses.

Esta federación é a única de ámbito autonómico galego dedicada especificamente ás persoas que padecen estas doenzas. Constituída en 2009, Fegerec está integrada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, a Asociación Galega de Ataxia, a Asociación Galega de Fibrose Quística, a Asociación Galega de Lupus, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple, a Asociación Galega de Afectados de Retinose Pigmentaria, a Asociación Galega de Linfedema e a Delegación Galega da Asociación Nacional de Amigos de Arnold-Chiari.

Con motivo dos actos vinculados ao Día Mundial das Enfermidades Raras e Crónicas, Fegerec manterá ao longo do día de hoxe e de mañá varias mesas informativas nas rúas da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Carballo, Lugo, Vigo e Ourense. O domingo os postos desprazaranse ata Noia e Paiosaco.

28 de febreiro de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.