Declara como imputado por revelación de segredo o psiquiatra que atendera a Rosario Porto

Entrada nos xulgados do psiquiatra
O avogado de Rosario Porto, José Luís Gutiérrez Aranguren, confiou este mércores en que o psiquiatra Narciso Carrero, que declara en sede xudicial acusado de revelación de segredo profesional, “pague polo que fixo indebidamente” contra a súa clienta tras desvelar informacións relativas ao período no que atendeu á nai de Asunta Basterra na clínica A Robleda.
Gutiérrez Aranguren chegou aos xulgados de Santiago de Compostela pouco antes das 10.00 horas deste mércores para asistir á declaración do psiquiatra, citado como imputado polo Xulgado de Instrución número 2, o mesmo que leva o caso pola morte de Asunta Basterra. Pouco despois chegou a Fontiñas o psiquiatra Narciso Carrero, que non quixo facer declaracións aos medios.
Sobre a declaración deste mércores, Aranguren asegurou non esperar “gran cousa”, dado que, decida declarar ou non o psiquiatra, “o que é evidente é que hai mostras gráficas sobradas das súas comparecencias e das súas manifestacións”, un feito obxectivo e incuestionable”.
“Non se si pretenderá dar algún tipo de explicación a esta situación, pero non a ten”, indicou o letrado de Rosario Porto, que interpuxo unha denuncia por este caso e actúa como acusación.
Sobre as posibles consecuencias que reclama para o médico, Aranguren mencionou a “inhabilitación”, así como “unha pena de prisión, baixa evidentemente e de non cumprimento”. “Non creo que teña problemas prácticos de cara ao futuro, pero si que dea á miña cliente a satisfacción de pagar polo que fixo indebidamente”, sentenciou.
“PERFIL DE PSICÓPATA INXUSTIFICADO”
Para Gutiérrez Aranguren as declaracións de Narciso Carrero prexudicaron á súa clienta, dado que redondearon un “perfil de psicópata absolutamente inxustificado”. Estas consideracións, “postas en boca dunha persoa que se supón experta en psiquiatría” levaron a que a opinión pública teña “unha peor opinión” de Porto, para o seu letrado.
Finalmente, Gutiérrez Aranguren confirmou que xa concluíron as sesións do exame psiquiátrico ao que se estaba sometendo a Rosario Porto no Imelga, aínda que non recibiu ningunha información respecto diso.











