CXG Compostela pide a disolución da corporación local
Compromiso por Galicia Compostela reclamou a disolución da corporación local do Concello da capital galega, co fin de “saír da espiral de parálise e caos”, e anunciou unha campaña de recollida de firmas para pedir “un bo goberno” para a cidade.
En rolda de prensa, na que estivo acompañado polos cargos locais Xulia Guntín e Xosé María Rodríguez, o secretario xeral de CxG, Modesto Toribio, cualificou de “estilo fascista” o empregado polo concelleiro de Deporto, Adrián Varela, por pedir o despedimento dunha traballadora cuxo marido é sindicalista da CIG, e considerou que “os concelleiros chegan ao extremo de solicitar que se despida para molestar a outro traballador que exerce os seus dereitos sindicais”. “É hora de rematar con esta farsa que é o Concello de Santiago”, sinalou.
Así mesmo, e segundo recolle un comunicado, Toribio explicou que o goberno local “durante todo o seu mandato, estivo unicamente ocupado en protexerse das actuacións dos xuíces, en lugar de gobernar a cidade”.
Compromiso presentou un manifesto “por un bo goberno para Santiago de Compostela” argumenta, para pedir a disolución da corporación, que existe “alteración da normalidade democrática coa dimisión do alcalde electo e o procesamiento de dez dos 13 concelleiros do PP”, xunto con “afectación dos intereses xerais polos delitos cometidos” supostamente e “desconfianza da cidadanía” cara ás institucións democráticas.











