“Cunha palanca tentou abrir a caixa pero os fogonazos de luz asustárono e escapou correndo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSucesosVilagarcía de Arousa
A-
A+
Fiestra pola que accedeu ao local

Fiestra pola que accedeu ao local

A preocupación continúa medrando entre os veciños e comerciantes de Vilagarcía por mor da vaga de roubos que se está a suceder nos últimos tempos. Desta volta o afectado foi un bar situado nunha das rúas máis céntricas da cidade. Os feitos producíronse na madrugada do domingo, e aínda que neste caso o ladrón marchou coas mans baleiras, no seu intento de entrar no establecemento provocou varios danos materiais. Finalmente non houbo que lamentar grandes perdas, segundo o propio dono deste local. Marcos Ramos asegura que se tratou dunha “mala experiencia cun final feliz”.

A vinoteca Lembranza sitúase na rúa da Baldosa, unha das máis céntricas de Vilagarcía, e é un establecemento moi coñecido polos veciños. O  intento de roubo produciuse o domingo ó redor das 5 da mañá do domingo, cando o establecemento se atopaba xa pechado.

Foi a empresa de vixilancia a que deu a voz de alarma. O propietario recibiu unha chamada dicindo que acababan de detectar que tiña un ladrón dentro do seu establecemento. Foi a propia empresa tamén a que chamou á Policía, e cando Marcos chegou “xa non estaba o ladrón”.

Unha das cousas máis chamativas é como conseguiu acceder ó interior do establecemento. Primeiro colouse nun edificio veciño, dende alí forzou a porta dun patio interior para, a través del, entrar no establecemento. Fíxoo por un espazo moi reducido, tanto que ata custa imaxinar a situación. A pesares do esforzo, finalmente e por sorte para Marcos, marchou coas mans baleiras.

Cunha palanca intentou abrir a caixa rexistradora pero os fogonazos de luz da empresa asustárono e escapou correndo” Así relata os acontecementos este hostaleiro que asegura que “nas imaxes vense as cousas claras”. Igual que se ve claramente que se trataba dunha única persoa, de constitución delgada e que levaba un xersei “dunha marca coñecida e que se ve bastante ben”. Con estes datos estanse a levar a cabo xa as primeiras investigacións.

Marcos aínda non ten cuantificado o valor dos destrozos, pero asegura que o peor é o susto. Non é o primeiro roubo que sucede na zona, e a preocupación de veciños e comerciantes vai en aumento. “Era un rapaz ben vestido e isto non ten pinta de ser algo desorganizado e trapalleiro, a forma de entrar foi ben pensada”.

O propietario do Lembranza xa presentou a correspondente denuncia na Policía, que xa ten nas súas mans as imaxes gravadas polas cámaras de seguridade do local.

17 de febreiro de 2014 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.