publicidade hoxe

Culleredo recorrerá a lei de reforma local ante o Tribunal Constitucional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal Portada
A-
A+

Culleredo loitará contra a reforma local que aprobou en decembro o Goberno do Estado. O pleno, a proposta do equipo de goberno, aprobará na sesión ordinaria de hoxe a interposición dun conflito ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local.

O goberno municipal defenderá así a autonomía local que se debe garantir constitucionalmente. Unha autonomía que, entende, periga co texto lexislativo aprobado polo Goberno central eliminando funcións aos Concellos que necesitan día a día os cidadáns.

O alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, considera que os Concello teñen que dispor dun abanico de competencias propias que “dean resposta ás necesidades básicas dos veciños”. A reforma local, en cambio, outorga moitas ás autonomías, o que supón unha “diminución” importante para os cidadáns, en áreas de especial relevancia como os servizos sociais.

O rexedor defende que os Concellos deben asumir as funcións “máis próximas” á cidadanía cunha correspondente transferencia de fondos para asegurar o seu cumprimento. Para expor este conflito ante o Tribunal Constitucional, o Concello unirase a outras administracións locais. Os requisitos para o recurso son que concorran polo menos un sétimo dos existentes no territorio, representando como mínimo un sexto da poboación española. Posteriormente á aprobación nos plenos, solicitarase un informe preceptivo, pero non vinculante, ao Consello de Estado.

O Concello de Culleredo pretende así protexer e amparar os intereses dos seus veciños ante unha reforma que lles prexudicaría notablemente.

27 de febreiro de 2014 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.