publicidade hoxe

Culleredo propón un Entroido con festas para todos os públicos e a tradicional romaría de San Blas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O Concello de Culleredo presenta un programa de Entroido que busca dar resposta aos intereses dos veciños de todas as idades. O goberno local confección un programa do Entroido de Culleredo con vertentes para nenos, adultos e maiores.

ENTROIDO INFANTIL

Os nenos de Culleredo celebrarán o seu Entroido o sábado 1 a partir das 17.00 horas. Será no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. A entrada será libre.

A actuación de “As Pamisuky” será o gran aliciente desta festa. O seu espectáculo musical que inclúe a participación continua dos asistentes fará as delicias dos máis pequenos.

ENTROIDO PARA MAIORES

Os maiores cullerdenses gozarán do Entroido o venres 28, a partir do cinco da tarde no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. Competirán en concursos de disfraces e de sobremesas, ademais de pasar a tarde con música e baile.

Para facilitar a asistencia, o Concello disporá de servizo de autobuses, que sairán de Castelo e Boedo ás 16.00 horas pasando polo resto de parroquias. A festa para maiores terá tamén un compoñente solidario: os participantes achegarán como entrada produtos de hixiene persoal (xel, champú, cepillos e pasta de dentes…) destinados ás familias con necesidade do municipio.

ROMARÍA DE SAN BLAS

“Benvidos todos a Veiga, meus benqueridos herdeiros, nunca pensei que acudira tal manda de larpeiros”. Así se recibía aos centos de asistentes á celebración do Luns de Entroido de Veiga no ano 1991, a festa de Entroido máis tradicional e xenuína do Concello de Culleredo. Estes versos de recibimento aos participantes formaban parte do chamado testamento, un conxunto de coplas satíricas coas que os veciños repasan a actualidade municipal, autonómica, estatal e mundial sen deixar monicreque con cabeza. Non hai máis que ler a continuación desta benvida: “Polo que vexo, este ano, veñen todos disfrazados, uns coa cara tapada, outros de porcos cebados”.

Os políticos son sempre os destinatarios favoritos deste testamento:

· Ano 1999:

“Non son ou único borracho, estafador nin mullereiro, gáñanme: Yeltsin, Gil e Clinton e algún que outro larpeiro. Non fai falta ir tan lonxe, témolos non noso Concello, na Xunta tamén lles hai quen pesca sen aparello”

· Ano 2002:

“Aínda está ou pobo de Celas sen pisca de auga potable. Ou alcalde, como sempre, foi con eles moi amable. Deulles unhas expricacións que a todos convenceron. Díxolles que todos tingan xustiño… ou que mereceron”

Como cada ano, o público que asistirá ao Entroido de Veiga espera ansioso o contido do testamento desta edición. A festa celébrase xunto ao cruceiro de Veiga, enmarcada na Romaría de San Blas, o luns 3 de marzo a partir das 13.00 horas.

O tradicional Entroido de Veiga cumpre 30 anos de celebración ininterrompida, xa que foi recuperado en 1984 por un grupo de veciños en colaboración co Concello de Culleredo. O equipo de goberno anima aos veciños de Culleredo a participar co seu disfrace e o seu bo humor na celebración máis popular do Entroido no municipio, que reúne a choqueiros de toda a comarca en Veiga.

ENTROIDO EN VILABOA

Finalmente, tamén o luns 3, o Concello colabora coa Comisión de Festas de Vilaboa na celebración do Entroido. Ás 20.00 horas está previsto o concurso de disfraces para nenos, con agasallo para todos os participantes, e ás 22.00 horas, o de adultos, ao que seguirá a actuación da orquestra París de Noia.

24 de febreiro de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.