Culleredo plantexa á Deputación modificar o carril bici no Burgo para salvar a autoestrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

O Concello de Culleredo xa comezou a traballar coa Deputación da Coruña para a execución do proxecto de carril bici comarcal. Culleredo xa dispón de carril bici por toda a súa zona urbana, desde Fonteculler ao final do Burgo polo paseo marítimo e cun ramal até Vilaboa polo paseo do río Trabe.

De face a mellorar a mobilidade, o Concello expuxo á Deputación realizar unha variante no Burgo, no paseo do río Trabe. Alí, a conexión entre o final de Tenro Galván e a zona do CEIP Isaac Díaz Pardo pasa por baixo da autoestrada AP-9 por un viario estreito, polo que resulta inviable que por aí se trazase o carril bici.

No seu lugar, o equipo de goberno expón superar a AP-9 alargando o carril bici desde Tenro Galván pola avenida de Ribados e a avenida de Rutis até a zona do futuro CEIP, onde se retomaría co trazado xa existente. O paso da avenida de Rutis debaixo da autoestrada é o suficientemente ancho para acoller tamén con seguridade aos ciclistas.

Ademais, coa urbanización da parcela que acollerá o colexio, o Concello ten previsto a ampliación das beirarrúas, polo que non terá complicacións a habilitación do espazo reservado para bicicletas. Para acometer o trazado, o Concello cederá o terreo necesario, tendo en conta de que xa o dispón, froito da expropiación realizada para o CEIP.

Técnicos da Deputación desprazáronse hoxe até a casa consistorial para analizar o proxecto ao seu paso por Culleredo. Foron recibidos polo alcalde, Xullo Sancristán, o primeiro tenente de alcalde, José Ramón Rioboo, e o concelleiro de Medio Ambiente, Narciso Marzoa. Despois de estudar a formulación sobre o papel, realizaron unha visita de campo ao Burgo, acompañados de Marzoa.

Os técnicos coincidiron en que a modificación solicitada polo Concello melloraría as condicións para os usuarios. Agora a Deputación estudará o asunto para concretar a viabilidade do cambio.

Polo demais, no que se refire a Culleredo, o proxecto permitirá a mellora de todo o paseo xa existente e a instalación de sinalización. Ademais, tamén se acometerá o seu enlace en Fonteculler co novo que se cre na Pasaxe, cara á Coruña.

Sancristán celebra o proxecto de unir os carrís bici da comarca ao supor unha clara vantaxe para os usuarios, tanto a nivel de mobilidade como de uso turístico e deportivo. “Debemos aproveitar as nosas potencialidades”, asegura.

Para o alcalde, este trátase do primeiro paso dunha actuación que despois debe desembocar na mancomunión do servizo municipal de aluguer de bicicletas. “Debemos dar a opción de aluguer unha bicicleta no Burgo e poder deixala na Coruña, ou viceversa”, considera.

O goberno municipal valora a iniciativa da Deputación dado que conferirá un importante valor engadido ao carril bici de Culleredo, ao poder chegar con seguridade até puntos como a cidade, Arteixo ou Cecebre.

4 de febreiro de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.