Culleredo pide colaboración para a campaña de recollida de produtos para bebés do Club dos Leóns
O Club dos Leóns volve pór o seu gran de area en colaborar co Fondo Municipal de Alimentos do Concello de Culleredo. Este venres, 28 de febreiro, e o sábado, 1 de marzo, responsables da entidade levarán a cabo no supermercado Eroski de Acea de Ama unha campaña de recollida de produtos para bebés. Voluntarios do Club de Leóns de Oleiros recollerán este tipo de produtos no horario de apertura da dependencia comercial. Os clientes poderán achegar alimentos para bebés, como leites ou potitos, así como elementos de hixiene como cueiros.
O obxectivo da campaña é colaborar, a través de Servizos Sociais, coas familias do municipio que teñen este tipo de necesidade.
A concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, agradece a “importantísima” colaboración do Club de Leóns de Oleiros para contribuír cun rango de idades para o que non adoitan destinar as campañas habituais de recollida. Agradece tamén a acollida que realizará o supermercado Eroski.
Así, o Concello fai un chamamento aos cidadáns para realizar achegas á iniciativa e incrementar así o fondo municipal.











