Crónica da 2ª edición da liga de cruceiros da Ría de Arousa
O pasado sábado día 22 deu comezo a 2ª edición da liga de cruceiros da Ría de Arousa. Un día agradable cun vento do suroeste esperaba á flota nas inmediacións do Moscardiño, nova localización das saídas na actual edición. Tras varios intentos para reiniciar as actividades náuticas na ría, déronse as condicións favorables para que a flota puidese gozar dun día con vento, pouca choiva, unicamente na saída, e mesmo sol durante a maior parte do percorrido.
Participaron unidades dos clubs náuticos da Ría, Rianxo, Villagarcía, Ribeira, Caramiñal e Boiro. O comité de Regata deseñou un percorrido cunha cinguida até a baliza de Esqueiros e unha popa longa deixando Rúa a estribor para chegar novamente nas inmediacións da baliza do Moscardiño moi próxima á illa Venencia, completando un percorrido aproximado de 11.5 millas.
Dividiuse a flota en categorías, Regata e Cruceiro-regata. A saída, sen baliza de desmarque, dirixía á flota cara ás inmediacións da illa de Arousa, amurados a estribor, encamiñándose a maior parte das unidades neste rumbo até as proximidades da illa, mentres algunhas embarcacións viraron pronto, optando por un rumbo máis aberto con mais onda pero tamén con mais vento. Non lle foi mal este rumbo inicial aos Refachos II de José Carreira do CN. de Rianxo, ao Fixius de Miguel Pérez A Fonte do LC. Villagarcíay ao SempreVolvede Luís Miguel González do CN. Caramiñal.
Superado o faro de Pedra Seca mantívose esta tendencia con mar e onda que con todo facían máis rápidos os rumbos abertos cara ao medio da ría fronte a aqueles que optaron por navegar pechados cara á baliza de Esqueiros. Virou en primeira posición a baliza de Esqueiros o Corsario VIN de Javier Durán do LC de Villagarcía seguido polo Rafagas II e a certa distancia o Fixius, o Arroas de José M. Pombar (CN Caramiñal), o SempreVolve (CN. Caramiñal) e o Sampaio de José Pérez Piñeiro (CN. Rianxo).
Tras a virada de Esqueirosse izaron os spis para iniciar un través até a illa de Rúa e desde aquí unha popa cara á meta no Moscardiño. Estes dous rumbos non condicionaron cambios substanciais no desenvolvemento da proba. O Corsario VIN non abandonou a súa posición de privilexio entrando en primeira posición en meta seguido polos Refachos II, ambos da categoría Regata seguidos por Arroas e Sampaio. Na categoría Cruceiro-regata impúxose o Fixius seguido polo SempreVolve.
A flota queda emprazada para o próximo día 15 de Marzo en que se celebrará a segunda manga organizada polo CN. de Rianxo con ágape e entrega de trofeos incluída nas instalacións do Club.











