Convocatoria de cursos de galego en Verín
Até o día 21, o Concello de Verín abre un período de inscrición en cursos de formación para a obtención dos certificados de lingua galega. A inscrición é gratuíta. Os/As interesados/as só deberán completar un formulario de solicitude.
Os certificados de lingua galega teñen cinco niveis, dos que se convocan cursos de formación anualmente para os catro primeiros. Recoméndase que, antes de facer a solicitude para os niveis comprendidos entre o 2 e o 4, as persoas se informen antes dos coñecementos previos que se requiren.
Os cursos están promovidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e teñen como obxectivo ofrecerlle unha opción formativa ás persoas que carecen de acreditación oficial, por procederen de outras comunidades autónomas ou por non remataren a formación de lingua galega a nivel de bacharelato.
A duración dos cursos é de 70 horas lectivas e capacitan para se presentar ao exame do CELGA do nivel correspondente. Aos que superen as probas, entrégaselle unha certificación oficial avalada pola Consellería de Cultura, Educación e O.U. que acredita o nivel de formación superado. Ese certificado é válido para calquera oposición que se convoque por organismos oficiais.











